21 de xuño de 2026
O Igualada volve vencer ó Liceo e empata a final polo título.
Todo se decidirá o martes 23 no Pazo dos Deportes de Riazor.
Riazor decidirá quen será o campión da OK Liga 25/26: Liceo ou Igualada. De momento, eliminatoria empatada despois de que o cuarto partido caera do lado catalán. Os homes de Marc Muntané volveron facer de Les Comes unha fortaleza para finalmente vencer por catro goles a dous ó conxunto verdibranco e coruñés.
O guion xa non empezou do mellor xeito cando, tras escasos minutos, o arxentino Matías Pascual xa era autor dun dobrete. Un 2-0 duro que aínda así non acabou co innegociable espírito combativo do Liceo de Juan Copa. Tras numerosos intentos, e ante unha sólida defensa local, Nil Cervera atopou o camiño para batir ó meta Arnau Martínez e acurtar distancias. Quedaba partido.
Un empate e un novo golpe
A segunda metade tamén trouxo boas novas de corte liceísta: Dava Torres, o capitán, igualou a contenda cun remate de fe (2-2). O partido non podía estar máis equilibrado e podía levalo calquera, pero finalmente ese foi o cadro local. Marc González, nos minutos 33 e 36, rematou dous pases desde a esquerda para batir a Blai Roca e poñer o 4-2 definitivo. Aínda queda unha bala e o apoio do Pazo será vital.
FICHA TÉCNICA
IGUALADA: Arnau Martínez; Biel Llanes, Matías Pascual, Joan Ruano, Marc Carol (quinteto inicial), Marc González, Joel Roma, Àlex Cardil, Miguel Cañadillas e Jaume Marqués (meta suplente).
LICEO: Blai Roca; Nil Cervera, César Carballeira, Dava Torres, Bruno Saavedra (quinteto inicial), Arnau Xaus, Jacobo Copa, Nuno Paiva, Toni Pérez e Martín Rodríguez (meta suplente).
ÁRBITROS: David Cantos e Alberto Pérez. Mostraron tarxeta azul a Biel Llanes, xogador do Igualada.
GOLES: 1-0 (Matías Pascual, min. 2). 2-0 (Matías Pascual, min. 5). 2-1 (Nil Cervera, min. 13). 2-2 (Dava Torres, min. 29). 3-2 (Marc González, min. 33). 4-2 (Marc González, min. 36).
RECINTO E INCIDENCIAS: Playoffs OK Liga 25/26, Partido 4 da Final. Les Comes (Igualada).

