PREVIA OK LIGA (Playoff, partido 2 de cuartos de final) | Coa semifinal a tiro

PREVIA OK LIGA (Playoff, partido 2 de cuartos de final) | Coa semifinal a tiro

Lance do primeiro partido de cuartos de final. Imaxe: MANU BOUTUREIRA.

Preséntase unha ocasión importante para formar parte dos catro semifinalistas pola OK Liga. O Deportivo Liceo conseguirao se logra vencer ó Alcoi (sábado 21, 21:30h, OKLIGA.TV) na complicada pista do Francisco Laporta.

Será o segundo encontro da ronda de cuartos de final, inaugurada con triunfo liceísta (6-3) no celebrado fai sete días no Pazo dos Deportes. En caso de vitoria para o Alcoi, esta eliminatoria decidirase nun terceiro e último partido con A Coruña como sede (24 de maio, horario sen confirmar). Sería así grazas ó factor pista gañado polo Deportivo Liceo durante a fase regular.

Un hipotético pase a semifinais xuntaría ó Liceo co gañador do cruce entre Noia e Calafell.

Lista idéntica á do primeiro partido

Juan Copa sufrirá de novo a única baixa de Roberto Di Benedetto, todavía en fase de recuperación dunha fractura nos ósos propios do nariz. Será sustituido polo arxentino Nanu Castro.

Roberto Di Benedetto continúa sendo baixa

A convocatoria estará composta polos seguintes homes: Carles Grau, Martín Garaboa, César Carballeira, Dava Torres, Maxi Oruste, Jordi Burgaya, Àlex Rodríguez, Marc Grau, Jordi Adroher e o propio Nanu.

Unha pista perigosa

O Polideportivo Francisco Laporta xa sabe o que é vencer ó Deportivo Liceo na presente tempada. Non só a el, senón a moitos outros. É unha das principais bazas do Alcoi xunto a Ferran Formatjé ou Gonzalo Pérez, os seus dous goleadores principais.

Juan Copa avisa da perigosidade do Francisco Laporta. Imaxe: HOCKEY GLOBAL.

Juan Copa é perfectamente conscente da dificultade deste recinto: “Sabemos onde imos. É unha pista que este ano está a ser tremendamente complicada. Puntuou en moitos partidos e contra case tódolos equipos. Tamén contra nós. Estaremos moi concentrados e con tódolos sentidos postos porque temos unha boa oportunidade para pasar ás semifinais”.

Deixa un comentario