PREVIA OK LIGA (X12) | A 12º está en Calafell

PREVIA OK LIGA (X12) | A 12º está en Calafell

Imaxe: Hockey Global (Mónica Arcay).

Coa festa dos 11 triunfos consecutivos xa no pasado, ó Liceo tócalle volver ás pistas catalás para intentar mellorar máis se cabe o seu excelente inicio de tempada. Xa sen partidos pendentes que recuperar, Juan Copa e os seus xogadores visitarán ó Calafell (sábado 12, 20:00h, OKLIGA.TV) con ese mesmo obxectivo, ademáis do de fortalecer ó máximo a primeira posición. Aínda así, tal e como avisa o técnico liceísta, gañar en Calafell non será fácil: “Vai costar sacar este partido, imos ter que traballar duro”, declarou a Hockey Global.

Aínda así, os prolegómenos non poden ser mellores. O conxunto coruñés vén de sendas vitorias clave (4-1 ante o Girona e o histórico 5-1 ante o Palafrugell), pero o físico é un factor que pode pasar factura. Máis coa importante baixa que todavía deberá asumir.

Sen Dava Torres

O Liceo chegará á pista do Calafell coa ausencia do seu capitán, Dava Torres, que todavía non está en condicións para formar parte da convocatoria. No seu lugar viaxará Nahuel ‘Nanu’ Castro, xogador do OK Prata máis que habitual nas listas do primeiro equipo. Tampouco estará en Cataluña a recente reincorporación do conxunto coruñés: o arxentino Fabri Ciocale.

Polo tanto, a convocatoria de Juan Copa estará composta polos seguintes homes: Carles Grau, Martín Garaboa, César Carballeira, Franco Platero, Marc Grau, Maxi Oruste, Jordi Adroher, Roberto Di Benedetto e o mencionado Nanu Castro.

Un Calafell en construción

Agarda o CP Calafell, actual noveno clasificado da OK Liga con 10 puntos en 10 partidos, e que vén de xogar o recente mércores 9 ante o Igualada (derrota por 3-2). O equipo dirixido por Pere Varias, regresado ao club durante o pasado verán, vive agora unha fase de transición.

Así ve Juan Copa a situación do seu rival: “É un equipo que de tódolos partidos que leva só xogou tres na casa. O último foi unha vitoria contra o Taradell. Están en construción, cun cambio de adestrador. Pere Varias vén de facer grandes tempadas co Noia, pero estas fases de construción sempre son complicadas”.

No apartado goleador do Calafell, protagonista dunha media de dous tantos a favor por partido, destacan dous nomes: Eloi Mitjans e Sergi Torné, con seis cada un. Completan o plantel xogadores como o meta Xano Edo, Oriol Palau, Guido Pellizzari, Arnau Xaus, Albert Marimon ou Jordi Munne.

A pesar da fase de transición do rival, Copa -coma sempre- non lle abre a porta á confianza excesiva. Así opina en Hockey Global: “A idea é ir alí cos nosos ideais. Traballo durante os 50 minutos. Non teremos a Dava, así que haberá que xuntarse e axudarse. Nese sentido, o equipo está a transmitir solidariedade. Respetamos todas as pistas ás que viaxamos porque son complicadas, pero coa confianza de que se facemos as cousas ben e traballamos xuntos podemos traer os tres puntos a A Coruña”.

Deixa un comentario