CRÓNICA | Alieníxenas (0-4)

CRÓNICA | Alieníxenas (0-4)

Imaxe: David Valiente.

Ao seu. O Deportivo Liceo de Juan Copa non para de gañar. O Calafell súmase ás doce vítimas do seu hockey, despois de que o equipo coruñés se impuxera por 0-4. O traballo foi excelente por parte de todos, cunha presión alta ben executada, pero sobresaíu un nome: o de Jordi Adroher.

Ós 40 segundos, o Liceo -vestido de branquiazul- xa lograra rematar dúas veces á meta de Xano Edo. A terceira finalización, de Marc Grau, pegou no pao. Pequenas mostras da motivación coa que os visitantes saíron ó partido, sumadas á presión asfixiante que lle exerceron ó Calafell. De todas maneiras, o equipo catalán aguantou ben esta superioridade durante boa parte do primeiro acto. Incluso gozou de dous achegamentos interesantes a Carles Grau, ferro incluído.

Pouco antes de chegar ós primeiros 20 minutos, unha pena máxima favorable ó equipo coruñés permitiulle adiantarse no marcador. O executor foi Jordi Adroher, que para non variar exhibiu a súa habilidade na bóla parada. O 2-0 estivo a tiro nunha falta directa protestada polo equipo de Pere Varias, pero Xano Edo detivo a oportunidade liceísta. Non puido neutralizar a de Franco Platero, que dobrou a vantaxe (minuto 23) mediante un disparo lonxano.

Francotirador Jordi Adroher

Nunha xogada caótica, César Carballeira reclamou o 0-3 pouco despois de regresar á pista do Joan Ortoll, pero os colexiados do encontro non viron gol algún. De todas formas, este accidente demostrou que o Deportivo Liceo volvera ó partido igual que entrara nel. Tamén marcou (0-3) grazas a unha bóla parada de Adroher, que firmou un novo tanto para a súa conta particular.

Calquera que vira un mínimo de partidos sabe do talento do xogador catalán neste tipo de accións, pero Calafell foi o escenario dunha master class. A falta de tres minutos, colocou o 0-4 con outra falta directa executada ó nivel dos xenios.

Doce vitorias en doce partidos. 36 puntos de 36 posibles. O venres tocará buscar a decimoterceira consecutiva ante o Caldes no Pazo dos Deportes de Riazor.

FICHA TÉCNICA

CP CALAFELL: Xano Edo, Arnau Xaus, Oriol Palau, Guido Pellizzari, Eloi Mitjans (cinco inicial), Sergi Torné, Jordi Munné, Pol Jansa e Sergi Romeu.

DEPORTIVO LICEO: Carles Grau, César Carballeira, Franco Platero, Marc Grau, Jordi Adroher (cinco inicial), Roberto Di Benedetto, Maxi Oruste e Nanu Castro.

GOLES: 0-1 (Jordi Adroher, min. 18). 0-2 (Franco Platero, min. 23). 0-3 (Jordi Adroher, min. 39). 0-4 (Jordi Adroher, min. 46).

ÁRBITROS: Gorina Bail e García Freixes. Sen cartóns azuis.

INCIDENCIAS: Partido correspondente á xornada 12 da OK Liga 20/21. Pavelló Municipal Joan Ortoll, sen espectadores.

Deixa un comentario