CRÓNICA #OKLiga | Goles koruños (7-2)

CRÓNICA #OKLiga | Goles koruños (7-2)

8 de decembro de 2024


Dava Torres celebra un dos dous goles que logrou. Imaxe: MANU BOUTUREIRA.

O Liceo supera con claridade ó Caldes con cinco goles coruñeses e tras unha segunda metade excepcional.

O Liceo máis koruño decidiu despedirse de Riazor ata 2025 cunha mostra das súas orixes. Esta exhibición de identidade sufriuna o Caldes, que a pesar de prantar cara na primeira parte foi claramente superado na segunda polo equipo de Juan Copa (que segue terceiro con 21 puntos). Técnico tamén coruñés que, ademáis, cumpriu 300 partidos como ocupante do banquiño verdibranco.

Loitando por sobrepoñerse ó recente esforzo europeo, os hoxe vestidos totalmente de branco foron capaces de adiantarse grazas a Dava Torres (minuto 7). O capitán aproveitou un erro groseiro de Biel Pujadas na súa propia área, pero este gol só foi o inicio dun primeiro acto de toma e daca. Respondeulle Marc González, devolvendo así o punto parcial para o Caldes.

A parte da igualdade

Corría alí o minuto 14 e só dous despois apareceu Jacobo Copa para anotar o seu segundo tanto en OK Liga. Recolleu a bóla en media pista e enviouna ó fondo da rede de Arnau Martínez, sorprendido co resultado da xogada.

Bruno comezou co 3-2 a exhibición liceísta da segunda parte. Imaxe: MANU BOUTUREIRA.

Sen embargo, unha boa combinación do equipo de Edu Candami colocou o 2-2: culminouna David Gelmà (máximo anotador dos visitantes no curso) tras pase da morte, aínda que Martí Serra quedou a milímetros da salvada. Chegou entón o descanso, onde todo cambiaría.

A parte da autoridade

Foi o segundo acto o que encarrilou a quinta vitoria consecutiva na OK Liga. Dous minutos despois de reanudarse o xogo, Bruno Saavedra anotou o 3-2 cunha gran xogada individual polo costado esquerdo. Pouco despois foi o turno do dobrete de Dava.

Juan Copa cumpriu con este un total de 300 partidos como adestrador do Liceo

A demostración total de personalidade chegou cando, tras unha azul en contra, o Liceo non só sobreviviu senón que aumentou a vantaxe. Fallou a directa o visitante Marc González e, cunha xestión inmellorable da inferioridade, os locais moveron a bóla ata que César probou un dos seus disparos. Acertou. Logo Adrià Ballart viu outra azul e Arnau Xaus terminou a fase de power play en contra cun 6-2 parcial. O mesmo Xaus redondeou o tema coa diana final. 7-2.

A megafonía clausurou o hockey de 2024 en Riazor, pero non o xeral. Ós de Juan Copa todavía lles faltan dúas probas: unha na pista do Valongo (xoves 12, 21:00h, Champions) e outra na do Vilafranca (domingo 15, 12:30h, OK Liga).

FICHA TÉCNICA

DEPORTIVO LICEO: Martí Serra; Nil Cervera, César Carballeira, Dava Torres, Tato Ferruccio (quinteto inicial), Arnau Xaus, Jacobo Copa, Fabri Ciocale, Bruno Saavedra e Martín Rodríguez (meta suplente).

CALDES: Arnau Martínez; Biel Pujadas, Xavier Gurri, Adrià Ballart, David Gelmà (quinteto inicial), Marc González, Lluc Vila, Marcos Blanque e Héctor Sánchez (meta suplente).

ÁRBITROS: Rubén Fernández Garcíae David Calonge Barrio. Mostraron tarxeta azul a Tato Ferruccio por parte do Deportivo Liceo. No Caldes viuna Adrià Ballart.

GOLES: 1-0 (Dava Torres, min. 7). 1-1 (Marc González, min. 14). 2-1 (Jacobo Copa, min. 16). 2-2 (David Gelmà, min. 20). 3-2 (Bruno Saavedra, min. 27). 4-2 (Dava Torres, min. 31). 5-2 (César Carballeira, min. 37). 6-2 (Arnau Xaus, min. 37). 7-2 (Arnau Xaus, min. 47).

INCIDENCIAS: Xornada 10 da OK Liga 24/25. Pazo dos Deportes de Riazor (A Coruña)

Deixa un comentario