29 de marzo de 2025
O Liceo vence con dous goles de Ferruccio para afianzar de xeito case definitivo a segunda praza da Fase Regular.
Cun descanso de menos de 48 horas con respecto á Champions, o Deportivo Liceo sacou compromiso e calidade para saír vitorioso da Torre Roja. Ante o Caldes os de Juan Copa picaron pedra ata atopar o xugoso premio, un no que o retornado Tato Ferruccio foi chave con dous goles. Unha boa nova que serve para acumular 52 unidades, dez máis có terceiro clasificado (aínda con partido pendente) con só tres datas por diante.
Dentro dun guion inicial trabado, e un Liceo aqueixado ademáis da baixa de Bruno Saavedra, os porteiros foron os protagonistas ó pouco de empezar. Martí Serra e Arnau Martínez chegaron invictos a un entretempo precedido por poucas novas. Si destacou unha en clave coruñesa: os primeiros minutos de Pablo Cancela tras varios meses aqueixado do ligamento cruzado do seu xeonllo.
Unha directa e un man a man para decidir
O outro regresado, este tras sanción, foi o arxentino Ferruccio. Un home importante no que sería o triunfo final para o Liceo. Abriu a lata no minuto 29 cando David Gelmà cometeu unha falta de tarxeta azul. O 77 verdibranco asumiu a responsabilidade da directa e superou ó gardián do Caldes colando a bóla hábilmente entre as súas pernas.
Os tres goles do partido chegaron no seu segundo acto
Un sopro de aire fresco que para nada significou a sentenza do partido. O conxunto de Eduard Candami, dentro dunha situación clasificatoria complicada, deu todo na súa reacción. Logrou o empate nunha xogada idéntica á que adiantou anteriormente ó Liceo: unha tarxeta azul e un lanzamento desde o punto da directa. Esta vez transformouna Marc Zanón (minuto 39).
Sen embargo, cando o electrónico marcaba seis para o final, Ferruccio aproveitou un pase errado dos locais para prantarse só ante Arnau Martínez. Enganouno no man a man para materializar o 1-2 favorable. Non se movería máis, a pesar dos cinco homes de pista cos que o Caldes buscou a igualada.
FICHA TÉCNICA
CALDES: Arnau Martínez; Marc González, Xevi Gurri, Adrià Ballart, David Gelmà (quinteto inicial), Arnau Serra, Marc Zanón, Biel Pujadas, Marcos Blanqué e Héctor Sánchez (meta suplente).
DEPORTIVO LICEO: Martí Serra; Nil Cervera, Arnau Xaus, César Carballeira, Dava Torres (quinteto inicial), Jacobo Copa, Fabri Ciocale, Pablo Cancela, Tato Ferruccio e Martín Rodríguez (meta suplente).
ÁRBITROS: Jordi Reverter e Lorenzo Bosch. Mostraron tarxeta azul a David Gelmà, en dúas ocasións, por parte do Caldes. No Liceo víronna César Carballeira e Arnau Xaus.
GOLES: 0-1 (Tato Ferruccio, min. 29). 1-1 (Marc Zanón, min. 39). 1-2 (Tato Ferruccio, min. 44).
INCIDENCIAS: Xornada 23 da OK Liga 24/25, Fase Regular. Pavelló Torre Roja (Caldes de Montbui).