Imaxe de Kiko Lareo.
Os de Juan Copa empatan na pista do Calafell despois de igualar un 2-0 en contra.
A primeira proba da máxima competición continental acabou de bo xeito, polo menos tendo en conta o seu inicio. O Hockey Club Liceo volveu abonarse ó instinto de reacción do seu ADN e logrou empatar no Joan Ortoll de Calafell tras igualar un 2-0 en contra, sumando así o primeiro punto da novidosa Fase de Grupos de Champions (composta por seis xornadas en vez de dez).
Miki Escala e Aleix Marimon adiantaron a un Calafell que logrou impoñerse nos dous primeiros terzos de choque.
Este encontro non comezou de forma positiva porque, pasados os dez minutos de acción, o local Miki Escala foi quen de superar a Blai Roca para poñer o primeiro tanto caseiro. Aparecía de novo a costa arriba. Aínda máis empinada se puxo cando Aleix Marimon, moi pouco despois do descanso, dobraba a vantaxe dos de Guillem Cabestany. Máis complicado todavía.
Un penalti e un misil
Pero restaban 20 minutos. Calquera que sepa un pouco de hockey é consciente de que son unha eternidade no idioma Liceo. A falta de 15 para a bocina final, unha pena máxima favorable ós verdibrancos levou ó capitán Dava Torres ó punto decisivo para non perdoar ó exliceísta Martí Serra (2-1, minuto 35).

Empezouse a percorrer o camiño, aínda que todavía faltaban pasos. Foi entón cando emerxeu un recuperadísimo Bruno Saavedra desde onde só él sabe para sacar un disparo colosal de longa distancia. O proxectil atopou a rede local e fixo gritar ós afeccionados liceístas presentes no Joan Ortoll.
Asubío, final e a mente do Hockey Club Liceo xa está posta nun novo choque en terras catalás: será de OK Liga e contra o Igualada (domingo 29, 12:30h).
FICHA TÉCNICA
CALAFELL: Martí Serra; Joan Pujalte, Biel Pujadas, Aleix Marimon, Sergi Folguera (quinteto inicial), Miki Escala, Carles Domènech, Jero García, Quim Gabarró e Eloy Garmendia (meta suplente).
LICEO: Blai Roca; Jacobo Copa, Dava Torres, Nuno Paiva, Bruno Saavedra (quinteto inicial), Arnau Xaus, Edu Lamas, Franco Platero, Toni Pérez e Eloi Martínez (meta suplente).
ÁRBITROS: Manuel Oliveira e Filipe Oliveira (Portugal). Mostraron cartón amarelo ó porteiro Martí Serra por parte do Calafell.
GOLES: 1-0 (Miki Escala, min. 11). 2-0 (Aleix Marimon, min. 30). 2-1 (Dava Torres de penalti, min. 35). 2-2 (Bruno Saavedra, min. 45).
RECINTO E INCIDENCIAS: WSE Champions League 26/27, Xornada 1 da Fase de Grupos. Pavelló Joan Ortoll (Calafell).