Fotografía de Kiko Lareo.

O equipo de Juan Copa vence en Riazor ó Rivas e xa se coloca na zona nobre da clasificación de OK Liga.

O Liceo atopou a maneira. Demostrouno no seu triunfo de hoxe fronte ó Hockey Rivas, onde claramente plasmou a súa superioridade tanto en calidade como en organización. Todo iso serviu para sumar a segunda semana seguida levando tres puntos e así colocarse cun total de seis sobre nove posibles, suficientes para xa poñer o nome na zona nobre da táboa.

Ante un Riazor coma sempre ruidoso, si é verdade que o Liceo debeu cociñar a súa vitoria a lume lento. Picou pedra contra un Rivas correoso pero de pouco perigo ofensivo, basando case todo o seu xogo na solidez de atrás. Tivo que ser unha tarxeta azul a Cañadillas quen desatascara definitivamente o asunto. Con power play a favor, e aproveitando unha contra, Jacobo Copa asistiu para que marcara un atento Dava Torres ben situado no segundo pau de Castañer (1-0, minuto 14).

Sentenza en dous minutos

Superado xa o entretempo do encontro, as incógnitas sobre as reaccións tardaron pouco en solucionarse. Escasísimos segundos despois do pitido de reanudación, Nuno Paiva recibiu a bóla desde o costado esquerdo e superou ó meta visitante cun potente disparo cruzado. Era o 2-0. O 3-0 tamén tardou moi pouco en aparecer. Foi nunha xogada prácticamente idéntica ó tanto inicial, pero esta vez con Bruno Saavedra como asistente e sen necesidade de power play. O executor volveu ser Torres.

O Liceo anotou dous goles nos dous primeiros minutos do acto final

Tamén apareceu Blai Roca cando a ocasión o esixía. Un penalti otorgado a favor do Rivas terminou coa excelsa intervención do meta catalán fronte a Sergio Martín, útil para continuar a porta a cero. Blai nin sequera ofreceu opción algunha de rexeite. O mesmo ocurreu na directa que lanzou Cañadillas froito da décima infracción local.

Imaxe de Kiko Lareo.

Xa estaba todo sentenciado, pero quixo asegurarse Toni Pérez cando se apuntou o cuarto gol do equipo cunha definición de xenio. Pouco máis pasou ata que sonou a bocina e oficializou a ledicia dos de casa, que agora afrontarán dous encontros de visitante ante Calafell (xoves, 20:00h, Champions) e Igualada (domingo, 12:30h, OK Liga).

FICHA TÉCNICA

LICEO: Blai Roca; Arnau Xaus, Edu Lamas, Dava Torres, Franco Platero (quinteto inicial), Jacobo Copa, Nuno Paiva, Bruno Saavedra, Toni Pérez e Eloi Martínez (meta suplente).

RIVAS: Marc Castañer; Iñigo Artacho, Curro Fernández-Ávila, Sergio Martín, Adrián Pos (quinteto inicial), Javier Verdú, Gerard Escolà, Álvaro Rodríguez, Miguel Cañadillas e Mario Vaamonde (meta suplente).

ÁRBITROS: Albert Barba Gómez-Álvarez e Jordi Reverter García. Mostraron tarxeta azul a Edu Lamas e Dava Torres no Liceo, mentres que no Rivas a viu Miguel Cañadillas. Tamén lle ensinaron a amarela ó local Bruno Saavedra.

GOLES: 1-0 (Dava Torres, min. 14). 2-0 (Nuno Paiva, min. 26). 3-0 (Dava Torres, min. 27). 4-0 (Toni Pérez, min. 36).

RECINTO E INCIDENCIAS: OK Liga 26/27, Xornada 4 da Fase Regular. Palacio dos Deportes de Riazor (A Coruña).

Últimas novas

Síguenos nas redes sociais