Fotografía de Kiko Lareo.
O Liceo disputará a terceira xornada de OK Liga na pista do SHUM co obxectivo de sumar de tres (sábado 14, 20:00h, OK LIGA TV).
As competicións ligueiras sempre dan oportunidades rápidas de redirixir rumbos. Nesas atópase agora mesmo o Hockey Club Liceo, cun inicio negativo de temporada que na pista do SHUM (sábado 14, 20:00h) terá chance de revertir. O partido entre cataláns e galegos poderase ver en directo e de balde por OK LIGA TV e estará arbitrado por Iván González e Adrià Hernández.
Un inicio con complicacións pero con moito tempo por diante
A verdade é que non foi a mellor inauguración de Fase Regular para o equipo verdibranco, que de momento suma dúas derrotas nos dous encontros disputados ata o día de hoxe. Sen embargo, son tan iniciais os compases desta competición que todavía vive con forza a posibilidade de que acabe por converterse nunha anécdota.
O Liceo afrontará en dúas semanas o comezo da WSE Champions League
Tras este duelo contra o SHUM Maçanet volverá o hockey sobre patíns ó Palacio dos Deportes de Riazor, que o sábado 21 de novembro (17:00h) recibirá ós madrileños do Rivas. Posteriormente tocará visitar ó Igualada (29 de novembro) e volver a recibir neste caso ó Reus Deportiu (2 de decembro).
Todo isto vivindo entre medias o comezo da mellor competición mundial de clubes: a WSE Champions League. A súa primeira data celebrarase o xoves 26 de novembro na casa do CP Calafell (20:00h).
Continúa a baixa de Bruno
Para o duelo en Maçanet de la Selva o técnico Juan Copa todavía non poderá contar co santiagués Bruno Saavedra, aqueixado dunha rotura no músculo transverso abdominal. Polo tanto, os xogadores do primeiro equipo que viaxarán a terras catalanas serán os seguintes:
- Eloi Martínez – Porteiro, dorsal 10
- Blai Roca – Porteiro, 20
- Arnau Xaus – 3
- Edu Lamas – 6
- Jacobo Copa – 7
- Dava Torres – Capitán, 8 – 1 gol
- Nuno Paiva – 11
- Franco Platero – 15
- Toni Pérez – 57
Un SHUM co obxectivo de manter a categoría
O rival do Liceo, adestrado por Jordi Garcia Altarriba, disputará o curso 26/27 coa mesma meta que no anterior: permanecer na OK Liga. Xa o logrou no 25/26 e no inicio do actual suma un punto dentro dos dous partidos disputados ata o momento. Foi na visita do Rivas ó Municipal de Maçanet (3-3). O outro encontro terminou con derrota nos dominios do vixente campión Igualada (2-0).
Os de Jordi Garcia suman un empate nos dous partidos disputados ata agora
Dentro destes, un único goleador: Josep Hernández, autor dun triplete contra os madrileños. Xunto a Àlex Grau, un dos “veteráns” dun plantel caracterizada pola xuventude e xente nacida posteriormente ó ano 2000.