Cada vez queda menos vida da fase regular 22/23, momento no que os puntos da OK Liga cobran todavía máis valor. Esta situación tamén lle incumbe ó Deportivo Liceo, aínda con obxectivos polos que loitar. A antepenúltima parada desta etapa levará a Juan Copa e ós seus xogadores á Torre Roja do Caldes (sábado 1, 20:00h, OKLIGA.TV).
O choque, que estará dirixido polos colexiados Raúl Burgos Manotas e Nicolás Morandeira Sánchez, será un dos que conformará esta recta final. Unha vez xogado só restarán dous antes de que comece o playoff polo título: Vilafranca (15 de abril, casa) e Lleida (29 de abril, fóra). Ambos formarán parte de sendas xornadas unificadas.
Coas matemáticas a favor
A loita actual polo segundo posto desta fase regular, sendo xa o primeiro matemáticamente inalcanzable, ofrécelle boas posibilidades ó Deportivo Liceo. Pendentes da loita da pista, un triunfo ante o Caldes podería colocar ós verdibrancos na posición de xeito matemático.
Un tropezo do Calafell, sumado a un triunfo liceísta, aseguraría a segunda praza matemáticamente
O conxunto de Juan Copa suma actualmente 53 puntos de 69 posibles e, como se afirmou, é o actual segundo. Son cinco máis có Calafell (terceiro, 48) con nove por xogarse. Polo tanto, un tropezo do cadro catalán e unha vitoria liceísta poderían finiquitar este obxectivo.
Todos dispoñibles cun descarte
O técnico do Deportivo Liceo conta coa totalidade do seu plantel para afrontar este importante encontro. Con todos en perfectas condicións físicas, Copa deberá, iso si, realizar o habitual descarte para cumprir co máximo de dez xogadores permitido nas convocatorias. Neste caso será Fran Torres ‘Tomba’.
Viaxarán a Cataluña, polo tanto, os seguintes homes: Martí Serra, Mati Bridge (porteiros), Sito Ricart, Bruno Di Benedetto, César Carballeira, Pol Manrubia, Dava Torres, Fabri Ciocale, Àlex Rodríguez e Arnau Canal.
Un grupo posto a proba deportiva e mentalmente
O curso do Caldes de Eduard Candami está tristemente marcado polo falecemento de Alexandre Acsensi, xogador do plantel. Dentro dun contexto de duro exame mental, o conxunto da Torre Roja ocupa actualmente o noveno posto da clasificación con 29 puntos.
As súas opcións de playoff continúan intactas ó estar a unha soa unidade de tres equipos: Lleida, Alcoi e Igualada (todos con 30). Aínda así, o Caldes non recibirá ó Deportivo Liceo no seu mellor momento de resultados: non vence desde o 19 de febreiro (6-7 en Voltregà). Desde entón acumulou un empate e tres derrotas, sendo a máis recente ante o Noia (3-1) no partido xogado este mércores 29 de marzo. Isto implicará, por se fora pouco, chegar ó sábado con menos descanso físico.
O encontro da primeira volta, disputado en Riazor escasos días despois da nova de Acsensi, rematou cun triunfo verdibranco (6-0). Ambos equipos atopáronse outra vez na Copa do Rei, cuxos cuartos deixaron un 7-2 favorable ó equipo coruñés.