CRÓNICA COPA DO REI 2023 (Cuartos de final) | Vitoria verdibranca (7-2)

O Deportivo Liceo bate ó Caldes e accede ás semifinais da Copa do Rei disputada en Calafell.

Imaxe: DAVID VALIENTE.

Non se lle puido pedir máis a un debut de Copa tan ilusionante como esixente. O Deportivo Liceo venceu ó Caldes nos primeiros cuartos de final presenciados polo Joan Ortoll de Calafell, pavillón testemuña dun marcador probablemente enganoso tendo en conta o visto na pista. Non impide o pase a semifinais dos homes de Juan Copa (sábado 4, 18:30h). Agardarán Noia ou Voltregà, protagonistas da outra eliminatoria.

Antes de todo o que chegou, que non foi pouco, unha pequena adaptación á competición por parte de ambos. Cinco minutos sen apenas ocasións ata que, de súpeto, os dous porteiros deberon actuar en sendos mans a mans. Abriron a veda das oportunidades e o Liceo a dos goles.

Ós nove minutos da eliminatoria marcou Dava Torres, listo ó aproveitar o rexeite dun disparo lonxano de César Carballeira. Tres despois, o dorsal 5 dobrou a vantaxe coruñesa (2-0) nunha xogada tan impresionante como pouco habitual dentro do seu repertorio: agarrou a bóla, avanzou en xogada individual, superou a tódolos rivais que se atopou e superou ó meta Jordi Pons polo seu pau curto.

Necesidade de control

Excelentes novas que mitigou o Caldes con outro gran gol. Instantes despois do anterior, Roger Presas gañou a Martí Serra cun intento lonxano có porteiro liceísta non puido prever.

Pouco ocorreu nos intres posteriores a esta inauguración múltiple do marcador. Os homes de Juan Copa superaron ben o extra de motivación dos esta vez visitantes, controlaron unha vez máis o encontro e devolvéronno ó seu terreo. O resultado deste proceso foi o 3-1, obra do capitán. A súa segunda diana particular veu tras levantar a bóla, rematala no aire e superar a Pons.

Unha segunda metade caótica

Se o primeiro acto deixou minutos moi concretos de acción, o segundo foi todo o contrario. Pasaron cousas constantemente. A primeira ós dous minutos, cando Marcos Blanqué viu o cartón azul e mandou a Àlex Rodríguez ó punto da directa. O gol non chegou. Pouco despois si. Fíxoo Arnau Canal (4-1, min. 30) a pase de Bruno Di Benedetto e tras finiquitar unha excelente contra grupal.

O 4-2 de Roger Presas deixou os mellores minutos do Caldes, posteriormente anulados polo tanto de Àlex Rodríguez

No minuto 39, a once do final, ocorreu o mesmo con diferentes protagonistas. O amonestado foi Sito Ricart, o lanzador que fallou tivo o nome de Blanqué e o anotador posterior o de Roger Presas. Disparo lonxano que desviou involuntariamente Bruno. A xogada que deu pase a outro dominio do Caldes de Eduard Candami e a uns complicados minutos liceístas.

Sen embargo, un erro dos cataláns en saída de bóla ofreceulle a Àlex Rodríguez a oportunidade de rematar ese control. Non a desaproveitou e oficializou o 5-2. Un golpe de efecto importante que o Caldes non alcanzou a remontar. Tras un lance no que Roger Presas viu o cartón vermello, encaixou dous goles máis mediante César (6-2) e Bruno (7-2). Bocina e cuartos de final verdibrancos.

FICHA TÉCNICA

DEPORTIVO LICEO: Martí Serra; Bruno Di Benedetto, César Carballeira, Dava Torres, Àlex Rodríguez (quinteto inicial), Sito Ricart, Pol Manrubia, Arnau Canal, Fran Torres e Mati Bridge (meta suplente).

CALDES: Jordi Pons; Roger Presas, Xavi Gurri, Marcos Blanqué, Marc González (quinteto inicial), Cristian Rodríguez, Pau Cardona, Álvaro Giménez, Dídac Llobet e Jaume Gisbert (meta suplente).

ÁRBITROS: González González e Iglesias Vallina. Expulsaron a Roger Presas con vermello directo por parte do Caldes. Tamén mostraron cartón azul a Marcos Blanqué. No Deportivo Liceo viron o cartón azul Sito Ricart e Àlex Rodríguez.

GOLES: 1-0 (Dava Torres, min. 9). 2-0 (César Carballeira, min. 12). 2-1 (Roger Presas, min. 13). 3-1 (Dava Torres, min. 21). 4-1 (Arnau Canal, min. 30). 4-2 (Roger Presas, min. 40). 5-2 (Àlex Rodríguez, min. 41). 6-2 (César Carballeira, min. 47). 7-2 (Bruno Di Benedetto, min. 49).

Copa do Rei 2023, Cuartos de final. Pavelló Joan Ortoll (Calafell).

Share on facebook
Share on twitter
Share on linkedin
Share on pinterest

Deixa un comentario