PREVIA OK LIGA (X2) | Regreso a casa

O Deportivo Liceo recibirá ó Girona (sábado 17, 18:00h, HOCKEY GLOBAL) na que será a estrea do Pazo dos Deportes no curso 22/23.

O hockey oficial volverá este sábado a Riazor tres meses despois. O coliseo do Deportivo Liceo recibirá ó Girona (18:00h, HOCKEY GLOBAL) para estrear a súa pista nesta nova edición da OK Liga, a competición máis importante do panorama nacional. Será o segundo paso do conxunto verdibranco no seu obxectivo de defender o título do curso 21/22.

O primeiro deles foi positivo. Un triunfo agónico na dura pista do Voltregà (3-4) permitiu a Juan Copa e ós seus xogadores facerse cos primeiros tres puntos en xogo. Alzáronse como un dos seis equipos que o lograron na xornada inicial. Resta moito traballo por facer, aínda que o obxectivo claro de loitar ata o último minuto quedou perfectamente plasmado.

Entradas a cinco euros para público xeral

Formar parte deste regreso será insultantemente sinxelo. Todo aquel liceísta que non sexa nin socio nin abonado poderá acudir a Riazor por un inmellorable prezo de cinco euros a través deste link de Cluber. Unha vez chegado ó recinto, o poseedor só terá que mostrar o QR do pase dixital ós encargados das portas.

Imaxe: MÓNICA ARCAY.

Como non pode ser doutro xeito, os mencionados socios e abonados beneficiarios do convenio co Real Club Deportivo poderán entrar gratuitamente ensinando os seus carnets.

Por se fora pouco, tódolos nenos que acudan ó pavillón con roupa do Colexio Liceo La Paz tamén entrarán gratis acompañados dun adulto que tampouco deberá pagar un só euro. Riazor debe ser un xogador máis!

Todo o plantel dispoñible

Juan Copa, líder deste Deportivo Liceo en total reconstrucción, poderá contar con tódolos seus homes para esta segunda xornada de OK Liga.

Intentarán vencer ó Girona os mesmos que superaron a pista do Voltregà: Martí Serra, Mati Bridge, César Carballeira (responsable do tanto da vitoria), Dava Torres, Sito Ricart, Àlex Rodríguez, Arnau Canal (autor de dous goles na data inicial), Bruno Di Benedetto, Fran Torres “Tomba” e Fabri Ciocale.

Ante un Girona supervivente

Visitará Riazor o Girona de Ramón Benito tras empezar de forma diferente ó seu rival do sábado. O equipo branquivermello caeu como local ante un sempre forte Noia, pero fíxoo vendendo cara a súa pel: o seu contendente debeu remontar na segunda metade para levar os tres puntos (1-2).

Procurará o Girona non pasar tantos apuros durante o curso como os que viviu no anterior. Cuarto pola cola con 23 puntos, os cataláns loitaron por evitar o descenso ata as últimas xornadas.

A súa presenza na Coruña significará a volta dun auténtico clásico do hockey sobre patíns: o meta e exliceísta Jaume Llaverola, con 47 anos, continúa en activo dentro das filas xerundenses.

Share on facebook
Share on twitter
Share on linkedin
Share on pinterest

Deixa un comentario