Imaxe: MANU BOUTUREIRA.
Dous partidos e dúas vitorias para o novo Deportivo Liceo. O conxunto de Juan Copa regresou ó Pazo dos Deportes da Coruña para disputar hockey oficial e non defraudou tras vencer claramente ó Girona (6-1).
O dominio incontestable dos locais foi unha realidade no marcador desde o primeiro minuto. Encargouse diso Bruno di Benedetto co seu tanto inaugural da tempada. A partir dese momento, máis ataques e boa defensa cada vez que o Girona buscaba incordiar a Martí Serra. Non logrou facer suficiente dano.
Dobrou a distancia no noveno minuto o capitán Dava Torres, goleador por segunda data seguida. Esta vez batiu ó veteranísimo Llaverola cun disparo potente e lonxano. Un resultado xusto tendo en conta os feitos da pista. Alex Cantero conseguiu acurtar distancias para o cadro catalán tras un remate forzado, aínda que Àlex Rodríguez devolveu rápidamente a distancia de dúas dianas co 3-1. Fíxoo tras unha definición potente no punto da falta directa (minuto 18).
Sen tapón
O Girona resistiu durante algúns minutos tralo regreso ó parqué, pero un gol de César con erro incluido do meta rematou coas súas ganas. Desde ese momento, o Liceo foi o amo e o señor absoluto do xogo. Máis aínda que nos primeiros 25 minutos. Como consecuencia, Bruno Di Benedetto e o propio Carballeira ampliaron o marcador ata o 6-1.
Máis puido ser se o novo Fran Torres tivera fortuna en dúas xogadas concretas: un remate dentro da área e un man a man. A bocina sonou co resultado coñecido como oficial.
O Girona aguantou tres minutos na segunda metade ata que o Liceo trocou nun vendaval
Tras isto, o Deportivo Liceo afrontará unha semana de dobre cita. Comezará o vindeiro martes ás 21:00h na pista do Arenys de Munt e rematará o venres ás 21:30h, en Riazor, ante o Sant Cugat.
FICHA TÉCNICA
DEPORTIVO LICEO: Martí Serra; César Carballeira, Bruno Di Benedetto, Dava Torres, Àlex Rodríguez (quinteto inicial), Sito Ricart, Fabri Ciocale, Fran Torres, Arnau Canal e Mati Bridge (meta suplente).
GIRONA CH: Jaume Llaverola; Àlex Grau, Marc Vázquez, Borja Ramón, Moi Aguirre (quinteto inicial), Carles Sánchez, Alex Cantero, Marc Montilla e Pau Fernández (meta suplente).
ÁRBITROS: Díaz Cosme e Nicieza Elosegui. Mostraron cartón azul ó visitante Marc Vázquez.
GOLES: 1-0 (Bruno Di Benedetto, min. 1). 2-0 (Dava Torres, min. 9). 2-1 (Alex Cantero, min. 17). 3-1 (Àlex Rodríguez, min. 18). 4-1 (César Carballeira, min. 28). 5-1 (Bruno Di Benedetto, min. 30). 6-1 (César Carballeira, min. 34).
OK Liga 22/23, Xornada 2. Pazo dos Deportes de Riazor (A Coruña).