PREVIA OK LIGA (X19) | Ante un gran rival

PREVIA OK LIGA (X19) | Ante un gran rival

Imaxe: HOCKEY GLOBAL.

Segundo contra terceiro. A OK Liga ofrecerá este sábado un dos seus máis grandes partidos: Deportivo Liceo contra Reus Deportiu (19:00h, OKLIGA.TV e Esport3). Co Palau d’Esports como anfitrión, o conxunto verdibranco buscará superar a un excelente rival co obxectivo de sumar a súa sétima vitoria consecutiva.

Procurará conseguilo, ademáis, cunha situación clasificatoria mellorada. O empate do líder Barça en Alcoi permitiu ó Liceo de Juan Copa acurtar de sete a cinco puntos a distancia entre ambos.

Ata o momento colleitouse un excelente rexistro de 47 sobre 54 posibles, 18 dos últimos logrados recentemente contra Igualada, Voltregà, Calafell, Girona, Lleida e Manlleu.

Todos dispoñibles

Para afrontar esta difícil proba, Copa poderá contar coa totalidade do seu plantel por primeira vez en varios meses. Maxi Oruste, recuperado da súa pubalxia, xa participou no pasado triunfo contra o Igualada.

Juan Copa poderá contar coa totalidade do seu plantel

Polo tanto, ademáis do arxentino, a lista queda completada polos seguintes xogadores: Carles Grau, Martín Garaboa, César Carballeira, Dava Torres, Marc Grau, Jordi Burgaya, Àlex Rodríguez, Roberto Di Benedetto e Jordi Adroher.

A ameaza de Raúl Marín

O Reus Deportiu de Jordi García é, sen dúbida, unha das potencias do hockey nacional. Neste curso 21/22 ocupa provisionalmente o terceiro posto da OK Liga: 35 puntos froito de once vitorias, dous empates, cinco derrotas, 81 goles a favor e 68 en contra.

O principal responsable da penúltima cifra non é outro que Raúl Marín, un dos homes con máis pólvora da competición. O veterán xogador volveu forte da súa lesión e, polo momento, suma 26 dianas. É o terceiro máximo anotador da OK Liga por detrás de Pau Bargalló e João Rodrigues.

De todas maneiras, non é o único home perigoso do plantel reusense. Marc Julià ou David Gelmà, entre outros, tamén suporán un grave perigo á defensa verdibranca.

Deixa un comentario