Imaxe: HOCKEY GLOBAL.
O sábado será o final de sete días intensos a máis non poder. O terceiro partido desta serie de momento impecable, con dous de dous en triunfos, terá ó Pazo dos Deportes como sede e ó Calafell como rival (20:00h, HOCKEY GLOBAL).
Unha dura proba para Juan Copa e os seus xogadores, protagonistas dun excelente rexistro de 38 puntos sobre 45 posibles. Sirven para continuar no segundo posto da OK Liga e aínda vivos na loita polo primeiro, propiedade dun Barça que gañou tódolos encontros.
A incógnita tralos éxitos ante Girona e Lleida, aínda así, residirá na xestión física deste maratón: “Será o terceiro partido da semana e despois dun duro como o do mércores. O importante é chegar cunhas condicións boas de plantel e a partir de aí conseguir os tres puntos”, comenta Copa.
Volta de Jordi Adroher
O técnico coruñés si conta cunha gran nova en forma de regreso. Jordi Adroher, baixa nas últimas semanas por culpa dunhas molestias musculares, poderá ser da partida para recibir ó Calafell. Non o será, pola súa parte, un Maxi Oruste que continúa recuperándose dunha pubalxia.
A lista completa queda composta polos seguintes homes: Carles Grau, Martín Garaboa, César Carballeira, Dava Torres, Marc Grau, Jordi Burgaya, Àlex Rodríguez, Roberto Di Benedetto e o mencionado Adroher.
Un Calafell sorprendente
Visitará Riazor o conxunto de Ferrán López, actual sexto clasificado e responsable dunha boa tempada. Juan Copa ten moi claro o que se vai atopar o Deportivo Liceo: “É un equipo que virá a xuntarse ben atrás e saír en transicións. Contan cunha fichaxe de inverno como é Martí Casas, que será un xogador determinante. Tamén con outro de gran nivel como Sergi Miras. Deberemos ter bastante coidado”. O Liceo conta co precedente positivo da primeira volta, cando venceu por 6-8 nun partido trepidante.
O reforzo de Martí Casas únese a outros xogadores de gran nivel como o exliceísta Sergi Miras
O Calafell sumou 23 puntos froito de sete vitorias, dous empates e seis derrotas. Eses rexistros son responsabilidade importante do mencionado Miras, exliceísta, ademáis de Arnau Xaus e Martí Gabarró. Son os tres xogadores chave dos cataláns no apartado goleador con trece, trece e dez dianas respectivamente.
Unha festa de Deportivo Liceo
Por 5€, ou incluso de xeito gratuito, tódolos liceístas que o desexen poderán asistir a Riazor para disfrutar tanto deste partido (20:00h) como da OK Liga Feminina (vs. Igualada, 17:00h). Para iso, organizáronse os tres escenarios habituais de adquisición.
O primeiro deles está novamente destinado ós abonados beneficiarios do convenio co Real Club Deportivo. Haberá 500 pases dispoñibles sen máis custo que o tempo adicado á xestión, a realizar mediante o seguinte link de Cluber:
Na chegada ós aledaños do Pazo dos Deportes, as persoas que apliquen esta posibilidade terán a obriga de presentar dous documentos: o código QR proporcionado por Cluber e o carnet do Real Club Deportivo. Serán indispensables para poder acceder.
Por 5€ ou de xeito gratuito, tódolos liceístas que o desexen poderán ver os dous partidos de OK Liga Masculina e Feminina
O segundo escenario aplicarase ós socios do Deportivo Liceo, que deberán mostrar o código QR do seu carnet dixital á hora de entrar. Será a medida habitual mentres se xestionen os pases físicos. Polo tanto, neste caso non será necesaria maior xestión.
Por outra parte, o público xeral que desexe asistir ó encontro conta con entradas a un prezo de 5€ cada unha. Adquiriranse de xeito online mediante outra ligazón de Cluber:
Normativa sanitaria de acceso
Ademáis de presentar os documentos anteriores, tamén será necesario un paso máis. Trala publicación do DOGA do 17 de decembro esíxese que, nas instalacións deportivas que esperen unha afluencia superior a 200 espectadores, se comprobe antes do acceso que os asistentes maiores de 12 anos estén en posesión dalgún documento que acredite unha destas situacións:
- Que recibiron a pauta completa dunha vacina contra a COVID-19 para a cal se concedeu unha autorización de comercialización, de conformidade co Reglamento (CE) nº 726/2004.
- Que dispoñen dunha proba diagnóstica negativa realizada nas últimas 72 horas, no caso das PCR, e 48 horas no caso dos tests de antíxenos. No caso dos tests rápidos de antíxenos, deberán están enumerados na lista común e actualizada de tests rápidos de antíxenos da COVID-19 establecida sobre a base da Recomendación 2021/C 24/01 do Consello de Europa.
- Que o titular se recuperou dunha infección polo SARS-CoV-2 nos últimos 6 meses. Para iso, a persoa debe ter sido diagnosticada como caso confirmado da COVID-19 fai 11 días ou máis mediante unha proba PCR, non sendo válido outro tipo de test.