PREVIA OK LIGA 20/21 (X18) | Día clave

PREVIA OK LIGA 20/21 (X18) | Día clave

Imaxe: HOCKEY GLOBAL (Mónica Arcay).

O deporte naceu para partidos así. Para que os mellores competiran entre eles con todo -ou case todo- en xogo. Ante un Pazo baleiro como outra das consecuencias da COVID-19, pero con numerosas mensaxes de ánimo da afición liceísta, o Deportivo Liceo e o Barcelona protagonizarán un día clave (venres 5, 19:30h, HOCKEY GLOBAL) para a OK Liga. Atoparanse os colíderes da competición, aínda que o Barça chegue como primeiro clasificado por golaverage xeral. Calquera resultado diferente a unha vitoria culé devolvería ó equipo coruñés ó liderado.

Faríase valer así o gran triunfo do Liceo no Palau (3-4) durante a primeira volta. Facilitaríalle a consecución do goleverage particular, pero todas estas son contas hipotéticas. O importante é o presente, e para os liceístas será o verdadeiro punto de inflexión da tempada.

O técnico do Liceo, Juan Copa, valorou o partido como o que é: “Atopámoslle un sentido moi bo, e é que se puntuamos recuperamos o liderado. Entraríamos no derradeiro tramo da liga dependendo de nós. Debemos ser fieis ó que fixemos ata agora para estar dentro do partido, e a partir dese momento veremos o que ocorre. Agardemos que esos detalles destes partidos tan grandes caian do noso lado”, declarou a HOCKEY GLOBAL.

O Deportivo Liceo venceu por 3-4 no partido da primeira volta.

O míster poderá contar coa totalidade do seu plantel para este choque: Carles Grau, Martín Garaboa, Franco Platero, César Carballeira, Dava Torres, Maxi Oruste, Marc Grau, Fabri Ciocale, Roberto Di Benedetto e Jordi Adroher.

Regresar polo bo camiño

O Deportivo Liceo volverá á competición despois de recibir o seu primeiro golpe: a derrota ante o CP Taradell (4-2). Aínda así, os números do equipo coruñés asustan. Colleitou 46 puntos de 51 posibles e é o cadro menos superado en canto a goles en contra (23 en 17 partidos).

O Taradell é pasado, en verbas de Dava Torres: “Sería mentira dicir que agardabamos ese resultado, pero a nosa labor pasa por centrarnos no que vén. Ó ser liga regular non é unha final, pero si que é un partido cunha trascendencia moi alta”, declarou o capitán a HOCKEY GLOBAL.

De todas maneiras, o Barcelona conta cuns rexistros igual de impresionantes. Suma outros 46 puntos e non é o menos goleado, pero si o segundo da lista (34 tantos en contra). Si é, con diferenza, o equipo que máis goles fai da competición: 110 en 17 encontros (unha media de máis de 6 cada 50 minutos).

Un coloso cheo de estrelas mundiais

Na liña do anterior, calquera afeccionado ó hockey sobre patíns é coñecedor do potencial do Barcelona. O equipo dirixido polo galego Edu Castro conta con renome mundial neste deporte e un plantel repleto de estrelas. Moitas delas, como non podía ser doutra maneira, amosaron a súa condición durante a presente tempada.

Tres suman 68 goles en 17 partidos. Son Pablito Álvarez (ex do Liceo), João Rodrigues e Hélder Nunes. A lista non remata aí: outros dous exliceístas como Pau Bargalló e Matías Pascual suman outros 22. Ignacio Alabart, 8. Grandes nomes completados por máis: Nil Roca, Sergi Panadero, Sergi Llorca, Sergi Fernández ou o veterán Aitor Egurrola.

Deixa un comentario