En marcha os Cuartos de Final

En marcha os Cuartos de Final

15 de maio de 2026


A serie inicial dos playoffs polo título enfrontará a Liceo e Lleida ó mellor de tres partidos.

A fase decisiva da OK Liga está aquí. É o momento dos playoffs, rondas que determinarán en aproximadamente un mes cal dos oito equipos participantes será o campión da edición 25/26. Un deses candidatos é o Liceo de Juan Copa, que nos Cuartos de Final se enfrontará ó Lleida. A serie comezará no Pazo dos Deportes de Riazor este sábado día 16 ás 18:00h.

Factor pista asegurado para os Liceístas

As posicións da Fase Regular de 26 encontros, por suposto, volverán a ser de vital importancia á hora de repartir vantaxes. A do factor pista será indiscutible para o Liceo grazas ó brillante primeiro posto logrado durante a parte máis voluminosa da temporada.

Imaxe: MANU BOUTUREIRA.

Isto implicará que os Cuartos de Final, ademais de empezar en Riazor, tamén se xogarían en terras coruñesas en caso de que sexa necesario un terceiro partido (martes 26, 20:30h). Si se xogará ó 100% no Onze de Setembre de Lleida o segundo da serie (sábado 23, 18:00h).

En caso dun hipotético avance ás rondas superiores, o Liceo tamén contaría con ese mencionado factor pista grazas ó bo facer durante a Fase Regular. Tanto en Semifinais como nas Finais, ambas ó mellor de cinco probas, Riazor sería o xuíz que determinaría ó vencedor global. Xogue quen as xogue, esas series empezarán respectivamente o 29 de maio e o 12 de xuño.

Un Lleida con ganas de progresar

O conxunto catalán afrontará estes playoffs desde o posto menos positivo: o oitavo, onde acabou grazas ós seus 36 puntos sumados. Os leridanos enfrontaranse de novo ó Liceo despois dos dous choques que tiveron lugar durante a Fase Regular: o 3-1 no Pazo e o emocionante 5-6 no Onze de Setembre, compromiso no que os de Juan Copa culminaron unha remontada espectacular.

Nico Ojeda é o máximo goleador tanto do Lleida como de toda a OK Liga

A maior arma do Lleida residirá sen dúbida no goleador Nico Ojeda, responsable de nada menos que 26 goles no que vai de OK Liga ata o momento (máximo realizador da competición). Tampouco queda moi lonxe a aportación de homes como Sebas Moncusí (18 dianas), Martí Gabarró e Jordi Badia (ambos con 12). Xunto a eles patinarán homes como o exliceísta Fabri Ciocale ou o coruñés Miguélez, ademais do veterano arxentino Darío Giménez.