CRÓNICA #PlayoffsOKLiga | O Liceo golpea primeiro (3-2)

CRÓNICA #PlayoffsOKLiga | O Liceo golpea primeiro (3-2)

16 de maio de 2026


O equipo de Juan Copa leva o partido inicial da serie de Cuartos de Final, que será ó mellor de tres.

Inmellorables novas para un Liceo que iniciou o seu camiño nos playoffs cunha vitoria tan traballada como merecida. Venceu ó Lleida en Riazor para comezar a serie de Cuartos de forma impecable, xusto antes de que se traslade á cidade catalá o próximo sábado día 23 (18:00h).

Golpeou primeiro o lado coruñés da historia tamén no guion do encontro, xa que mediante Nuno Paiva atopou a escadra longa do porteiro Javi Sánchez. Corría tan só o segundo minuto de acción, aínda que tres despois empatou o Lleida grazas a un disparo potente de Sebas Moncusí. Ninguén ía gañar fácil. Aínda así, o que marchou co triunfo parcial ó descanso foi o Liceo polo gran gol que anotou Bruno Saavedra, un moi similar ó de Paiva pero desde o costado esquerdo (2-1).

Final feliz con protagonistas inesperados

Puxo algo máis de tranquilidade o propio dorsal 13 dos de Juan Copa cando, nada máis regresar á pista, anotou o 3-1. Pouco ía durar, porque o Lleida xogaría as súas cartas ata o último segundo. Xa puido acurtar na décima infracción local, unha que non pararía Blai Roca, senón Martín Rodríguez, tras realizar o míster o troco para o lanzamento.

Martín Rodríguez disputou varios minutos en portería e detivo tanto un penalti como o seu rexeite.

Roca vería sen embargo a azul nun incidente posterior, polo que a estancia do meta coruñés se alongou o suficiente para que, sufrindo inferioridade numérica, encaixara un novo tanto de Moncusí (3-2, minuto 35). Quince minutos nos que podía haber moitos máis cambios no marcador, pero finalmente non chegou ningún. E o Liceo celebrou.

FICHA TÉCNICA

LICEO: Blai Roca; Arnau Xaus, César Carballeira, Dava Torres, Nuno Paiva (quinteto inicial), Nil Cervera, Jacobo Copa, Bruno Saavedra, Fran Torres e Martín Rodríguez (meta suplente).

LLEIDA: Javi Sánchez; Sebas Moncusí, Fabri Ciocale, Nico Ojeda, Jordi Badia (quinteto inicial), Darío Giménez, Sergi Duch, Martí Gabarró, Antonio Miguélez e Xavi Bosch (meta suplente).

ÁRBITROS: Miguel Díaz Cosme e Jonathan Sánchez García. Mostraron a tarxeta azul a Blai Roca, porteiro do Liceo, e a Darío Giménez (Lleida). Tamén lle ensinaron a amarela ó propio Blai Roca no Liceo e a Sergi Duch por parte do Lleida.

GOLES: 1-0 (Nuno Paiva, min. 2). 1-1 (Sebas Moncusí, min. 5). 2-1 (Bruno Saavedra, min. 15). 3-1 (Bruno Saavedra, min. 26). 3-2 (Sebas Moncusí, min. 35).

RECINTO E INCIDENCIAS: OK Liga 25/26, Cuartos de Final do Playoff polo título. Partido 1. Pazo dos Deportes de Riazor (A Coruña).