CRÓNICA SUPERCOPA (Semifinal) | Unha nova final no horizonte (5-3)

CRÓNICA SUPERCOPA (Semifinal) | Unha nova final no horizonte (5-3)

23 de setembro de 2023


Fran Torres celebra o 1-0 favorable. Imaxe: ALBA TARRÉS (ACHPATINES).

O Deportivo Liceo vence ó Reus tras un partido realmente serio e loitará contra o Barça polo primeiro título da tempada.

Primeiro partido e todo segue igual, a pesar dos novos e numerosos cambios dentro do equipo. O Deportivo Liceo de Juan Copa non só continúa a competir ás mil marabillas, senón que tamén lembra gañar. A semifinal da Supercopa de España 2023 serviu para que os verdibrancos, despois dunha pretempada esixente, venceran ó Reus Deportiu e así inauguraran o curso do mellor xeito.

Este domingo ás 12:30h, tamén no Pavelló Olímpic de Reus, estará en xogo o primeiro título da viaxe. O rival que esperará será o Barcelona.

Acerto, traballo e un Tiago moi seguro

O que non marcou a vitoria foi a súa simplicidade. O encontro comezou igualado e así continuou ó longo da súa maior parte. Ballart e Tiago Rodrigues (o elixido por Copa para defender a portería) tiveron unha boa cantidade de traballo, pero o primeiro en ser batido foi o reusense.

Dava Torres e Tomás Pereira deixaron as súas contas particulares en dous goles. Imaxe: ALBA TARRÉS (ACHPATINES).

Fran Torres, no minuto 13 do primeiro acto, patinou cara a cara contra el e superouno con suspense. A bóla pareceu non entrar á primeira e o propio Tombita reclamou con éxito o gol ós árbitros. Un 1-0 que non cambiou a tónica do visto, pero si aumentou o valor do partido de Rodrigues.

Un segundo acto intenso

Se os 25 minutos iniciais foron entretidos, os segundos aínda máis. Non se tivo que agardar moito para chegar a ese punto. Ós dous minutos do acto final, Dava Torres tirou ó poste e inmediatamente despois viu unha tarxeta azul. Despois dela, Tiago detivo o tiro directo de Julià pero non o potente disparo de David Gelmà en power play. Empate a un gol. O propio capitán, na décima infracción reusense, devolveu un 2-1 favorable ós coruñeses.

A segunda metade foi un non parar de incidencias no que o Deportivo Liceo se proclamou como gañador xeral

As protestas posteriores de Jordi García, técnico catalán, derivaron no 3-1. Viu a azul, xerou superioridade para o Liceo e Tomás Pereira aproveitou para marcar (minuto 31). Recibiu a bóla, armou un dos seus potentes disparos e entrou lentamente a pesar da intervención de Ballart.

Nada rematara, xa que o Reus lograría empatar chegado o 35. Primeiro anotou Aragonès de directa (previa a un piscinazo onde provocou a azul de Tombita) e despois Julià.

Non encontrarían máis portería, pero o Liceo si. Dava e Tomás pecharon o partido, non sen sufrimento. O capitán materializou o 4-3 xusto despois dun hipotético 3-4 desfavorable. Tomás, xa co rival atacando con cinco xogadores de pista, aproveitou a circunstancia e a portería baleira. Final e 5-3.

FICHA TÉCNICA

DEPORTIVO LICEO: Tiago Rodrigues; Sito Ricart, César Carballeira, Dava Torres, Pablo Cancela (quinteto inicial), Tomás Pereira, Fran Torres, Fabri Ciocale, Bruno Saavedra e Martí Serra (meta suplente).

REUS DEPORTIU: Càndid Ballart; Sergi Aragonès, Maxi Oruste, Marc Julià, Martí Casas (quinteto inicial), Joan Salvat, Diego Rojas, Arnau Canal, David Gelmà e Nil Viña (meta suplente).

ÁRBITROS: Sergi Mayor Oliván e Miguel Díaz Cosme. Mostraron tarxeta azul ós liceístas Dava Torres e Fran Torres. No Reus viuna o adestrador Jordi García.

GOLES: 1-0 (Fran Torres, min. 13). 1-1 (David Gelmà, min. 28). 2-1 (Dava Torres, min. 29). 3-1 (Tomás Pereira, min. 31). 3-2 (Sergi Aragonès, min. 34). 3-3 (Marc Julià, min. 35). 4-3 (Dava Torres, min. 38). 5-3 (Tomás Pereira, min. 50).

Supercopa de España 2023. Semifinal. Pavelló Olímpic de Reus.

Deixa un comentario