22 de setembro de 2023
O Deportivo Liceo abrirá a súa tempada oficial coa Supercopa de España, co Reus como rival da segunda semifinal.
A tempada oficial 23/24 de hockey sobre patíns xa está á volta da esquina e o seu comezo non podía ser máis emocionante. Un título en xogo, catro contendentes e dous días apaixonantes para abrir o novo curso e proclamar a un campión. O Deportivo Liceo de Juan Copa será, un ano máis, un dos equipos que loitará por ampliar a súa gloria.
A festa da Supercopa de España marcará á cidade de Reus durante a fin de semana do 23 e o 24 do presente setembro. O seu Pavelló Olímpic será anfitrión da edición de 2023 e os Liceístas, unha vez coñecido o sorteo, deberán saír á pista contra o conxunto da propia cidade. Todo un Liceo-Reus que pechará a segunda semifinal (sábado 23, 16:00h).
Este gran partido poderase seguir en directo grazas á retransmisión gratuita de OK Liga TV (canle de YouTube), ademáis de por Esport3 dentro da propia Cataluña.
Pola súa parte, os árbitros que dirixirán o encontro serán Sergi Mayor Oliván e Miguel Díaz Cosme; auxiliados por Jonathan Sánchez García.
Un sistema de Final Four
Como se apuntou anteriormente, esta Supercopa contará cun formato de sede única e catro contendentes. Loitarán polo trofeo durante dous días.
Irá a parar ás vitrinas do Deportivo Liceo, o Reus Deportiu, o Barcelona (actual campión) ou do Calafell. Abrirán a acción estes dous últimos ca primeira semifinal, que comezará o propio sábado 23 ás 12:00h.
Os gañadores de ambas xogarán a final o domingo ás 12:30h, tamén ante as cámaras de OK Liga TV.
Unha pretempada produtiva
Juan Copa e os seus xogadores chegarán ó lume real despois dunha positiva fase de preparación.
Con catro fichaxes (Bruno Saavedra, Tiago Rodrigues, Tomás Pereira e Pablo Cancela) e seis veteráns (Sito Ricart, Martí Serra, Dava Torres, Fran Torres, César Carballeira e Fabri Ciocale), o rexistro en oito amistosos foi de seis triunfos e dúas derrotas:
- DEPORTIVO LICEO 4-3 UD Oliveirense (23 de agosto)
- OC Barcelos 4-2 DEPORTIVO LICEO (30 de agosto)
- UD Oliveirense 1-2 DEPORTIVO LICEO (31 de agosto)
- AD Valongo 3-4 DEPORTIVO LICEO (1 de septiembre)
- Famalicense 2-1 DEPORTIVO LICEO (8 de septiembre)
- Riba d’Ave 6-7 DEPORTIVO LICEO (9 de septiembre)
- DEPORTIVO LICEO 8-2 Saint-Omer (10 de septiembre)
- DEPORTIVO LICEO 9-4 Hockey Rivas (17 de septiembre)
Por outra parte, a táboa de goleadores nesta pretempada foi a seguinte:
- Pablo Cancela: 9
- Fran Torres: 7
- Tomás Pereira: 6
- César Carballeira: 5
- Dava Torres: 5
- Sito Ricart: 3
- Fabri Ciocale: 2
A totalidade do plantel do Deportivo Liceo estará dispoñible para a Supercopa.
A OK Liga 23/24 empezará o día 30
A competición regular por excelencia dará comezo só unha semana despois desta emocionante Supercopa.
A data elixida é a do día 30 de setembro ás 18:00h, co Pazo dos Deportes de Riazor como sede. Liceo e Igualada disputarán a xornada inicial desta fase regular, que durará un total de 26 antes dos playoffs polo título. Estes constarán, como é habitual, duns cuartos de final (mellor de tres partidos), unhas semifinais e unhas finais (ambas ó mellor de cinco).