CRÓNICA OK LIGA (Semifinais, Partido 3) | FINALISTAS (2-2, 2-3 p.)

CRÓNICA OK LIGA (Semifinais, Partido 3) | FINALISTAS (2-2, 2-3 p.)

O ADN Liceo apareceu outra vez. Aínda que o seu obxectivo non sexa fácil, sempre loita. E moitas veces triunfa. Os homes de Juan Copa fixérono de novo e accederon á final da OK Liga despois de vencer ó Calafell nos penaltis e sentenciar a eliminatoria por 3-0. Un gran desgaste físico con desenlace feliz. Agarda xa o Barça para unha fase definitiva que comezará o xoves 8 e o sábado 10 en Cataluña.

O contexto desta semifinal non era o mesmo. De anfitrión nos dous primeiros encontros pasaron a ser os convidados nunha pista difícil. Ante un ambiente preparado para todo, Calafell e Liceo ofreceron un xogo igualado nos primeiros compases. O máis destacable dos primeiros dez minutos foi o golpe recibido por Martí Casas, que tivo que ir ós vestiarios para pouco despois volver cunha vendaxe.

Este incidente non lle impediu ser perigoso. El mesmo foi o protagonista da primeira gran ocasión local: recibiu a bóla, superou ó defensor e definiu lixeiramente preto do poste dereito de Serra. Un minuto despois, Sergi Miras tamén tivo a oportunidade de anotar o 1-0.

Un penalti chave

Inaugurou o perigo real para o Liceo o francés Di Benedetto, a punto de superar a Camps nun man a man que executou con gran talento.

César (lance do segundo partido) anotou os dous goles liceístas dos 50 minutos. Imaxe: MANU BOUTUREIRA.

Despois de traballalo con paciencia, chegou un dos puntos chave do partido: o penalti a favor dos coruñeses, sinalado por patín a só un minuto do descanso. César Carballeira non o desaproveitou e marcou o 0-1, con posteriores protestas locais.

Partida de xadrez

Quedaba moito por dicir. Dos 50 minutos e de máis. A segunda parte comezou despois de que Dava Torres e Humberto viran sendos azuis polas anteriores queixas e, ós dous minutos, tamén o sufriu Sito Ricart por derrubar a Martí Casas. O máximo goleador da OK Liga anotou o empate na directa (1-1). Un aviso de que o partido non acabara.

O propio Casas deu a volta a todo no minuto 31. 2-1. O máis difícil aínda para o Deportivo Liceo. Con todo, soubo sobrevivir unha vez máis. Fran Torres provocou un penalti que, tralo rexeite, marcou de novo César (2-2, minuto 35).

Martí Casas remontou o partido en menos de cinco minutos, aínda que o Deportivo Liceo sobreviviu ó golpe

Pola súa parte, Martí Serra volveu ser vital no 42 cando outro azul a Sito enviou de novo a Casas ó punto da directa. O porteiro liceísta impediu un gol que podería ter causado moito dano.

A partir de aí, igualdade e moito coidado por non chegar á décima falta decisiva. Ninguén a cometeu. Nin nos 50 minutos iniciais nin nos 10 de prórroga que chegarían.

Martí Serra foi vital de novo nos momentos decisivos do partido. Imaxe: MANU BOUTUREIRA.

Decidiron os penaltis

O segundo tempo extra da serie, sen moitas incidencias, deu paso ás penas máximas. Todo a cinco lanzamentos, aínda que finalmente foron sete.

O Calafell contou con ata tres disparos de vitoria, pero a falta de acerto e Martí Serra evitaron o desenlace fatal. Finalmente, o fallo definitivo de Sergi Miras no sétimo penalti confirmou o pase liceísta por 2-3. Unha nova fazaña.

FICHA TÉCNICA

CALAFELL: Gerard Camps; Jordi Ferrer, Joan Escala, Martí Casas, Sergi Miras (quinteto inicial), Arnau Xaus, Oriol Palau, Humberto Mendes, Curro Fernández e Marc Solans (meta suplente).

DEPORTIVO LICEO: Martí Serra; Sito Ricart, César Carballeira, Dava Torres, Àlex Rodríguez (quinteto inicial), Bruno Di Benedetto, Pol Manrubia, Fabri Ciocale, Fran Torres e Mati Bridge (meta suplente).

ÁRBITROS: Miguel Díaz Cosme e Luis Mier Sánchez. Mostraron cartón azul a Humberto Mendes e a Curro Fernández por parte do Calafell. No Deportivo Liceo foron amonestados Dava Torres e Sito Ricart (este en dúas ocasións).

GOLES: 0-1 (César Carballeira, min. 24). 1-1 (Martí Casas, min. 27). 2-1 (Martí Casas, min. 31). 2-2 (César Carballeira, min. 35). PENALTIS: 2-3. Goles de Sergi Miras e Oriol Palau para o Calafell. Anotaron Sito Ricart, Pol Manrubia e Dava Torres para o Deportivo Liceo.

OK Liga 22/23, Playoffs polo título. Terceiro partido de Semifinais. Pavelló Joan Ortoll (Calafell).

Deixa un comentario