PREVIA OK LIGA (Playoff, Semifinais, Partido 3) | A un só paso da final

PREVIA OK LIGA (Playoff, Semifinais, Partido 3) | A un só paso da final

Acción de Dava Torres no Partido 1 da eliminatoria. Imaxe: MANU BOUTUREIRA.

As semifinais non puideron comezar mellor, pero o traballo aínda non está completo. As dúas vitorias conseguidas en Riazor polo Deportivo Liceo (4-3 no primeiro encontro e 4-1 no segundo) deixan ós coruñeses a só un paso da clasificación para a final. Sería a segunda consecutiva despois de gañar o título na tempada 21/22. O Pavelló Joan Ortoll pode ser o escenario desta proeza.

Calafell será a sede do terceiro encontro (venres, 20:30h) e do hipotético cuarto, que se xogaría o domingo 4 ás 17:00h en caso de derrota dos verdibrancos. No peor dos casos, o quinto decidiría ó finalista o martes 6 no Pazo dos Deportes. Tódolos choques serán retransmitidos por OK Liga TV (canle de YouTube).

Pola súa parte, os árbitros do duelo do venres serán Miguel Díaz Cosme e Luis Mier Sánchez, auxiliados por Jaume Anglès Batista.

Un cadro de playoffs con dous match balls

Unha situación semellante ocorre no outro lado do cadro. As semifinais disputadas entre o Barça e o Noia deixaron dúas vitorias azulgranas despois dos encontros celebrados no Palau de Barcelona. A ronda trasládase agora a Sant Sadurní e, se os de Edu Castro gañan, pasarían á final.

Se tanto o Liceo como o Barça superasen as súas respectivas eliminatorias, ambos comezarían as finais o xoves 8 de xuño e o sábado 10. Serían dous duelos no Palau, dous en Riazor e un quinto en Barcelona debido ó factor pista dos culés.

Copa: “O importante é a confianza que está demostrando o equipo”

Aínda así, o adestrador do Deportivo Liceo teno claro: de momento, nada de pensar no hipotético partido do domingo nin nos seguintes. A mente está posta só no venres, cando os seus xogadores terán na súa man a clasificación: “Temos que seguir traballando na mesma liña que ata agora. Levounos a ter esta vantaxe, pero o máis importante é a confianza que o equipo está a demostrar“.

Imaxe: HOCKEY GLOBAL.

A visita ó Joan Ortoll realizarase en base a un guion claro: “Debemos estar fortes, seguir o noso plan de xogo e a partir de aí estar acertados nas áreas. O acerto é o que está a marcar esta serie”.

Baixa de Arnau Canal

A expedición liceísta con destino a Calafell non contará con Arnau Canal, que xa non estivo en disposición de participar nos dous partidos iniciais das semifinais. Será substituído por Fran Torres ‘Tomba’, que xa se reincorporou á primeira plantilla despois de disputar o Campionato de España co Junior.

A lista completa, polo tanto, contará cos seguintes xogadores: Martí Serra, Mati Bridge (porteiros), Sito Ricart, Bruno Di Benedetto, César Carballeira, Pol Manrubia, Dava Torres, Fabri Ciocale, Àlex Rodríguez e o mencionado Fran Torres.

Deixa un comentario