PREVIA OK LIGA (Playoff, Final, Partidos 1 e 2) | Loitar e soñar

PREVIA OK LIGA (Playoff, Final, Partidos 1 e 2) | Loitar e soñar

Lance do partido de fase regular en Riazor. Imaxe: MANU BOUTUREIRA.

Chega a hora da verdade máis de 40 partidos e 200 adestramentos despois. Xa están aquí as finais polo título da OK Liga, co Deportivo Liceo de Juan Copa como vixente campión e defensor. O rival será o Barça de Edu Castro, potencia nacional e mundial do hockey sobre patíns que buscará levantar de novo o trofeo. Non puido logralo na tempada 21/22, xa que caeu en semifinais co Reus como verdugo.

A rolda empezará con dous duelos no Palau Blaugrana e celebrarase ó mellor de cinco. Xogaranse o xoves (20:45h) e o sábado (19:00h), con OK Liga TV como responsable das súas retransmisións en YouTube vía streaming, de balde e en directo.

No referente á faceta arbitral, o primeiro partido estará dirixido por Miguel Díaz Cosme e David Cantos Bonales, con Xavier Valiente Soler como auxiliar. O segundo, pola súa banda, terá como árbitros a Jonathan Sánchez García e a Erik Rivas Martín, coa axuda de David Pedrola Valls.

Factor pista para os cataláns

A final enfrontará ó primeiro e ó segundo clasificado da fase regular, co conxunto culé como beneficiado polo factor pista.

A rolda inaugurarase cos mencionados dous partidos en Barcelona, antes de dar paso a outros dous no Pazo dos Deportes da Coruña. O terceiro xogarase o xoves 15 ás 20:30h e o cuarto, en caso de ser necesario, o sábado 17 ás 20:00h. O hipotético quinto compromiso sería de novo en Cataluña, cun horario e un día aínda por confirmar.

Ambos contendentes aterrizan na final despois de non ceder unha soa derrota nos cuartos e nas semis. O Deportivo Liceo conseguiuno despois de dobregar pola vía rápida a Igualada (5-4 tras prórroga, 1-7) e Calafell (4-3, 4-1, 2-2). Neste último caso tivo que superar un duro terceiro partido no Joan Ortoll, con tanda de penaltis incluida.

O Barça, polo seu lado, tamén venceu rapidamente ó PAS Alcoi (11-1, 3-4) e a un combativo Noia (5-3, 5-3 e 2-4).

Un rival invicto

A racha do equipo de Edu Castro non se limita só a estes playoffs, senón que se extende por toda a fase regular. O Barça rematou como primeiro clasificado con 74 puntos, froito de 24 vitorias, dous empates e ningún partido perdido. Tamén foi o equipo máis goleador (154 goles) e o menos goleado (42 goles).

O Barcelona foi o primeiro clasificado da fase regular tras ceder só dous empates

Todo isto grazas a xogadores de elite como Pau Bargalló, responsable de 50 goles en todas as fases da OK Liga. Na plantilla azulgrana tamén tiveron protagonismo outros exliceístas como os irmáns Carles e Marc Grau.

Baixa de Arnau Canal

Esta estadía de varios días en Barcelona vivirase cun total de 10 xogadores do plantel e só unha baixa: a de Arnau Canal, que non forma parte da lista para estes dous primeiros encontros.

Os elixidos, polo tanto, son os seguintes: Martí Serra, Mati Bridge (porteiros), Sito Ricart, Bruno Di Benedetto, César Carballeira, Pol Manrubia, Dava Torres, Fabri Ciocale, Àlex Rodríguez e Fran Torres ‘Tomba’.

Deixa un comentario