CRÓNICA OK LIGA (X20) | Señas de identidade para sumar o quinto triunfo seguido (2-0)

CRÓNICA OK LIGA (X20) | Señas de identidade para sumar o quinto triunfo seguido (2-0)

24 de febreiro de 2024


Imaxe: MANU BOUTUREIRA.

O equipo dirixido por Juan Copa supera ó Lleida e continúa a súa excelente racha de vitorias na OK Liga.

Volveu a solidez do Deportivo Liceo para neutralizar a un rival con gañas e necesidade de todo. Juan Copa e os seus xogadores enfrontábanse a un Lleida en apuros clasificatorios, pero o traballo e a ambición dos verdibrancos decantaron un emocionante partido no Pazo dos Deportes de Riazor.

É a quinta vez consecutiva que o Liceo suma de tres en OK Liga, o que serve para colocalo en puntuación de segunda praza con 35 unidades. Só o transcurso da 20ª xornada dirimirá a posición definitiva dos coruñeses, que a próxima semana visitarán a pista do Girona (domingo, 12:30h).

Actor principal de verde e branco

O certo é que o Deportivo Liceo foi o equipo protagonista desde o primeiro minuto ata o último. Con ambición, pero tamén con cautela, xerou oportunidades de perigo nada máis escoitar o pitido inicial. A primeira clara veu dun pase claro de Fabri Ciocale que case remata Sito Ricart, pero a defensa do Lleida actuou en última instancia para evitar o 1-0.

Fabri anotou o 1-0 que comezou a oficializar o triunfo liceísta. IMAXE: MANU BOUTUREIRA.

Non puido facelo no minuto 7 da primeira parte, cando o propio Fabri puxo por diante ó Deportivo Liceo cunha gran acción individual. Robou unha bóla na pista propia, avanzou polo costado dereito e superou ó porteiro Javi Sánchez cun remate raso ó primeiro poste.

Obra de arte para inaugurar un triunfo parcial ó que tamén se sumou Fran Torres dous minutos despois. El foi o autor do 2-0 ó sorprender ó porteiro visitante desde detrás do seu arco. Ese foi o resultado que chegou ó descanso, aínda que ben puido ser un 3-0 tras unha directa detida polo Lleida.

A hora de Martí

Completada a parte do acerto, faltaba a de acabar co apartado de goles en contra sen estrear. Gran parte da culpa de que así ocorrera foi de Martí Serra, precisamente un ex do Lleida.

Para comezar, e nada máis volver á pista, detivo excelentemente un man a man de Jordi Badia. Máis importante aínda foi a súa intervención na única directa visitante: a que lanzou Sergi Folguera despois de que Dava vira a azul. Tanto a actuación de Martí como a dos tres homes de pista permitiron ó Liceo sobrevivir á inferioridade.

Martí Serra foi chave na portería a cero que logrou o Deportivo Liceo

O Lleida, con máis corazón que cabeza, continuou intentándoo sen éxito. A meta local seguiu sen recibir achegamento algún da bóla, nin sequera cando os cataláns recurriron a cinco xogadores de pista no último minuto de xogo. Así rematou.

Parte dos pensamentos de Juan Copa e o seu equipo pasan polo mencionado choque de Girona, pero antes tocará pechar a WSE Champions League. En casa, xa sen opcións de clasificación, o Deportivo Liceo recibirá ó Barça (xoves, 20:30h).

FICHA TÉCNICA

DEPORTIVO LICEO: Martí Serra; Sito Ricart, César Carballeira, Dava Torres, Fabri Ciocale (quinteto inicial), Fran Torres, Guido Pellizzari, Pablo Cancela, Jaime Méndez e Tiago Rodrigues (meta suplente).

LLEIDA: Javi Sánchez; Nuno Paiva, Sebas Moncusí, Xavi Aragonès, Nico Ojeda (quinteto inicial), Julián Martínez, Sergi Duch, Jordi Badia, Sergi Folguera e Martí Zapater (meta suplente).

ÁRBITROS: Jonathan Sánchez García e Luis Mier Sánchez. Mostraron tarxeta azul ó local Dava Torres e ó visitante Sergi Folguera.

GOLES: 1-0 (Fabri Ciocale, min. 7). 2-0 (Fran Torres, min. 9).

OK Liga 23/24. Xornada 20 da Fase Regular. Pazo dos Deportes de Riazor (A Coruña).

Deixa un comentario