PREVIA OK LIGA 23/24 (X20) | A pola quinta nun duelo de rachas

PREVIA OK LIGA 23/24 (X20) | A pola quinta nun duelo de rachas

23 de febreiro de 2024


O Deportivo Liceo recibirá en Riazor ó Lleida (sábado 24, 18:00h) coa meta de alongar a xeira de vitorias seguidas.

Un Deportivo Liceo en boa onda quere alongala o máximo posible. O conxunto dirixido por Juan Copa suma xa catro triunfos consecutivos na OK Liga e a visita do Lleida a Riazor (sábado 24, 18:00h) podería significar a quinta. Unha que consolidaría definitivamente ós verdibrancos no top 3 desta igualadísima Fase Regular.

Esta xornada 20 estará arbitrada por Jonathan Sánchez García e Luis Mier Sánchez, con Francisco José Martínez Suárez como auxiliar. Como vén ocorrendo ata o momento, o partido estará retransmitido en directo pola canle de YouTube de OK Liga TV.

Acto final da Fase Regular e da competición europea

Trala disputa desta nova proba, á Fase Regular da OK Liga só lle quedarán seis máis: Girona (F), Barça (C), Reus (F), Voltregà (C), Alcoi (F) e Noia (C). Posteriormente, a mediados de maio, chegarán os playoffs polo título. Trala primeira destas xornadas en Girona, a disputar o 3 de marzo, haberá un parón que pausará a liga ata o 24 do mesmo mes.

Trala xornada 21 de 26 que conforman a Fase Regular, a OK Liga parará para o Liceo ata o 24 de marzo

De momento os liceístas asumen esta recta final desde a terceira posición da clasificación. Son 32 os puntos sumados ata agora: tres menos có Noia (segundo) e xa a máis distancia campa o Barcelona, que só tropezou nun partido.

Antes de ir a Cataluña a seguinte fin de semana, ó Deportivo Liceo aínda lle quedará un compromiso europeo no Pazo dos Deportes de Riazor. Os coruñeses deberán recibir ó Barcelona o xoves día 29 ás 20:30h, na que será a clausura liceísta á participación na WSE Champions League. Así o din as matemáticas, pois xa non conta con opcións de clasificación.

O equipo de Juan Copa vén de catro triunfos consecutivos. Os máis recentes, ante o Caldes e o Mataró. IMAXE: MANU BOUTUREIRA.

Para o choque ligueiro ante o Lleida, Juan Copa contará cos mesmos homes que veñen conformando as listas de 2024. Seguirá de baixa Bruno Saavedra, centrado nas últimas fases de recuperación da súa lesión de escafoides.

Os xogadores encargados de sumar de tres o sábado serán os seguintes:

  • Martí Serra | Porteiro, 10
  • Tiago Rodrigues | Porteiro, 33
  • Sito Ricart | 2 | 7 goles en OK Liga e 3 na WSE Champions League
  • Tomás Pereira | 4 | 4 goles en OK Liga e 1 na WSE Champions League
  • César Carballeira | 5 | 24 goles en OK Liga, actual pichichi do Deportivo Liceo
  • Dava Torres | Capitán, 8 | 17 goles en OK Liga e 3 na WSE Champions League
  • Fabri Ciocale | 9 | 5 goles en OK Liga
  • Fran Torres | 44 | 3 goles en OK Liga e 4 na WSE Champions League
  • Guido Pellizzari | 54 | 1 gol en OK Liga
  • Pablo Cancela | 74 | 9 goles en OK Liga e 2 na WSE Champions League

Un Lleida en perigo

O conxunto dirixido por Edu Amat atópase nunha situación complicada dentro da competición doméstica. Os 18 puntos que sumou o Lleida en 19 partidos só serven para colocalo como antepenúltimo, unha posición que agora mesmo lle faría disputar un playout por non descender a OK Prata.

Por outro lado, a pesar desta situación, os cataláns tamén son un dos participantes da actual WSE Champions League. Están encadrados no Grupo C pero sen opcións de clasificación, ó ser cuartos con dous puntos sumados.

O Lleida ocupa actualmente o antepenúltimo posto, que suporía xogar unha promoción por non descender

Volvendo ó panorama nacional, o cadro leridano viaxará á Coruña despois de acumular catro derrotas seguidas: Sant Just (1-2), Rivas (2-1), Calafell (3-4) e Igualada (4-2). O seu último triunfo remóntase ó 10 de decembro de 2023, data na que superaron ó Reus Deportiu.

Os homes que buscarán truncar esta racha negativa serán os seguintes, así como os seus números ata o momento:

  • Martí Zapater | Porteiro, dorsal 10
  • Javier Sánchez | Porteiro, 60
  • Nuno Paiva | 5 | 16 goles en OK Liga e 2 en Champions
  • Julián Martínez | 6
  • Sebas Moncusí | 9 | 7 goles en OK Liga e 2 en Champions
  • Sergi Duch | 22
  • Xavi Aragonès | 26 | 6 goles en OK Liga e 1 en Champions
  • Nico Ojeda | 55 | 11 goles en OK Liga e 2 en Champions
  • Jordi Badia | 63 | 3 goles en OK Liga e 3 en Champions
  • Sergi Folguera | 83 | 8 goles en OK Liga e 5 en Champions

Entradas a 5€ para público xeral

O público xeral conta con entradas online dispoñibles para este choque a través do seguinte enlace de Cluber. O prezo é de 5€ cada unha. O propio día do partido, as taquillas do Pazo dos Deportes estarán abertas desde unha hora antes (17:00h) para a venda de pases físicos.

Como ocorrerá durante todo o curso 23/24, os socios verdibrancos poderán entrar gratis a Riazor ensinando o código QR do seu carnet. Vale tanto de forma dixital como impresa. O mesmo ocorre cos abonados provintes do Real Club Deportivo, que tamén deberán mostrar o carnet que acredite a súa situación.

Se todavía non es socio podes sumarte ó Deportivo Liceo 23/24 a un prezo totalmente inmellorable.

Por outra parte, tamén entrarán gratis os nenos e nenas que cumpran cunha das seguintes dúas condicións. En ambas será necesario acreditar debidamente cada situación nas portas:

Deixa un comentario