O conxunto catalán derrota ó Liceo na primeira xornada da Fase Regular.

A ansiada estrea do Hockey Club Liceo na OK Liga 26/27 non acabou con final feliz desde o punto de vista dos de Juan Copa. Foi o Caldes o que fixo valer a súa fortaleza da Torre Roja para levar a primeira data da Fase Regular, todo tras un partido de dificultades onde a fortuna para nada sorriu ó lado visitante.

O Liceo atopou primeiro unha boa actuación de Ferran Busquets, meta dos de Edu Candami, encargado de manter a cero o seu arco durante a gran maioría dos 50 minutos. Para máis inri, Uri Ramírez si logrou perforar a rede do de Blai Roca tras recoller un desafortunado rexeite dentro da área coruñesa. Corría o minuto 19 de acción cando apareceu o primeiro golpe.

Un empate que apenas durou

Tampouco foi amable a sorte cando as oportunidades parecían chegar hacia o cadro de Juan Copa. Empezou a chover menos a falta de nove para o desenlace, cando a defensa de Caldes de Montbui derrubou a Toni Pérez dentro da área. Penalti, lanzamento do capitán Dava Torres e gol para o 1-1.

O 2-1 de Xevi Gurri foi un golpe de efecto que encarrilou o triunfo local

Durou poucos segundos ata que Xevi Gurri, o homólogo rival, puxo de novo por diante ós cataláns nada máis sacar de centro. Foi quen de facerse paso, disparar cruzado e superar a Roca. Tocaba confiar na épica nos poucos compases que restaban de choque, pero este segundo golpe acabou por ser definitivo.

Loitaron ata a extenuación os atacantes liceístas mentres que o mencionado Busquets seguía por facerse grande nos seus dominios. Chegou un tanto máis, pero lamentablemente foi o da sentenza catalana: repetiu Uri Ramírez cando xa non quedaba tempo para reaccionar (3-1). Final e mente no Clásico ante o Barça do próximo domingo 8, con Riazor como escenario (12:30h).

FICHA TÉCNICA

CALDES: Ferran Busquets; Àlex Joseph, Oriol Ramírez, Arnau Serra, Xevi Gurri (quinteto inicial), Aleix Pastor, Adrià López, Pau Cardona, Litus Sánchez e Arnau Capel (meta suplente).

LICEO: Blai Roca; Arnau Xaus, Dava Torres, Nuno Paiva, Franco Platero (quinteto inicial), Edu Lamas, Jacobo Copa, Bruno Saavedra, Toni Pérez e Eloi Martínez (meta suplente).

ÁRBITROS: Nicolás Morandeira e Oriol Escobar. Mostraron cartón amarelo ós liceístas Jacobo Copa e Toni Pérez.

GOLES: 1-0 (Oriol Ramírez, min. 19). 1-1 (Dava Torres de penalti, min. 41). 2-1 (Xevi Gurri, min. 41). 3-1 (Oriol Ramírez, min. 49).

INCIDENCIAS: Primeira xornada da OK Liga 26/27 (Fase Regular). Pavelló Municipal Torre Roja (Caldes de Montbui).

Últimas novas