O Liceo de Juan Copa inaugurará o novo curso ligueiro visitando a pista do Caldes (sábado 31, 20:00h, OK LIGA TV).
Acabou a espera. Por fin chega unha nova edición da OK Liga, a categoría de élite do hockey sobre patíns español. Nela estará outra vez o Hockey Club Liceo de Juan Copa, que se estreará este sábado 31 de novembro no Municipal Torre Roja do Caldes (20:00h).
Este encontro da primeira xornada será retransmitido vía streaming por OK LIGA TV e dirixido polos árbitros Nicolás Morandeira Sánchez e Oriol Escobar López, con Tania Pardo Van-Hees como auxiliar.
A Fase Regular agarda a un Liceo con movementos importantes
Esta entrega da OK Liga terá exactamente o mesmo formato que as recentes. Comezará cunha Fase Inicial de 26 xornadas desde outubro de 2026 ata maio de 2027, para posteriormente dar paso a uns Playoffs polo título que disputarán os oito primeiros. Esa mesma horquilla será a que, ó finalizar a primeira volta, determine os oito equipos que xogarán a Copa do Rei durante o mes de marzo.
Edu Lamas, Franco Platero e Eloi Martínez reforzan ó equipo para este curso 26/27
Nestas atópase o Liceo, que trala finalización da tempada 25-26 dixo adeus a tres xogadores importantes: César Carballeira, Nil Cervera e Martín Rodríguez Garaboa. Sen embargo, o equipo puido disfrutar de chegadas de máximo nivel: Eduard Lamas e Franco Platero, ambos con pasado verdibranco e que polo tanto regresan para vestir a camiseta verdibranca. Completa o plantel o porteiro Eloi Martínez, promocionado desde o filial nunha nova aposta do club pola súa canteira.
Tódolos xogadores dispoñibles para a estrea
O técnico coruñés Juan Copa poderá contar coa totalidade do seu plantel nesta primeira proba de lume real da OK Liga. Os mundialistas Blai Roca e Platero, únicas baixas durante a pretempada, xa regresaron á dinámica do equipo e incluso xa participaron na recente Supercopa de España.
Polo tanto, os dez homes que saltarán á Torre Roja serán os seguintes:
- Eloi Martínez – Porteiro, dorsal 10
- Blai Roca – Porteiro, 20
- Arnau Xaus – 3
- Edu Lamas – 6
- Jacobo Copa – 7
- Dava Torres – Capitán, 8
- Nuno Paiva – 11
- Bruno Saavedra – 13
- Franco Platero – 15
- Toni Pérez – 57
En terras catalás agarda un Caldes dirixido de novo por Eduard Candami, equipo que finalmente logrou manter a categoría tras unha complicada tempada 25/26. Fíxoo a pesar de descender deportivamente, pero a imposibilidade de ascenso desde OK Prata do filial do Igualada provocou a compra da praza.
Agora se enfrontará de novo ó Liceo, rival ó que non puido superar o curso pasado (0-4 na Torre Roja e 3-0 en Riazor).