Tomás Pereira xogará no Liceo

Tomás Pereira xogará no Liceo

11 de xullo de 2023


O novo xogador portugués vén do Oliveirense e asina por unha tempada máis outra opcional nun movemento levado a cabo da man de AZEMAD.

O Deportivo Liceo 23/24 conta desde hoxe cun novo xogador: Tomás Pereira (Porto, 1999). O portugués de 23 anos asina un contrato por un curso máis outro opcional e estará ás ordes de Juan Copa na próxima pretempada (con data aínda por confirmar). O movemento levouse a cabo da man dos compañeiros de AZEMAD.

Pereira formouse nas filas do AD Valongo, o Sporting e o Riba d’Ave ata chegar en 2021 ó Oliveirense, club do que procede. Vestido de vermello destacou como un xogador vital que anotou 36 goles no curso 22/23, a pesar da súa condición de especialista en tarefas defensivas. Ó Liceo tamén chegará un xogador habilidoso na bóla parada.

O portugués conta con experiencia nas categorías inferiores do seu país. Con Portugal logrou gañar o europeo sub-17 de 2015 e o Campionato do Mundo sub-20 de 2017.

A nova incorporación liceísta únese ó resto de xogadores confirmados para a tempada 23/24: Martí Serra, Sito Ricart, César Carballeira, Dava Torres, Fabri Ciocale, Fran Torres, Bruno Saavedra e Tiago Rodrigues.

O club continúa traballando en novas fichaxes para completar unha plantilla que siga loitando por todos os títulos posibles.

Deixa un comentario