7 de xullo de 2023
O meta portugués asina un contrato por tres anos nun movemento patrocinado por ISB Sport.
O Deportivo Liceo 23/24 completa a portería con Tiago Rodrigues (Portugal, 1998) nun movemento levado a cabo da man de ISB Sport. O novo gardameta asina por tres tempadas e será, xunto a Martí Serra, o encargado de defender os tres paus verdibrancos.
Rodrigues procede do FC Porto, xigante do hockey portugués ó que chegou no ano 2019 despois de formarse no Cambra, no Oliveirense e no Sanjoanense. A pesar da súa xuventude (24 anos), o novo porteiro liceísta conta con sobrada experiencia na máxima categoría do seu país e na WSE Champions League.
Tiago Rodrigues logrou unha gran cantidade de galardóns internacionais coas categorías de base de Portugal
Trátase dun porteiro habitual das categorías inferiores de Portugal. Coa selección sub-20 consagrouse como campión do mundo nos anos 2015 e 2017; ademais de campión de Europa en 2016, sempre cunha idade precoz. Tamén foi campión continental en 2013 co combinado sub-17.
A nova incorporación do Liceo únese ó resto de xogadores confirmados para a tempada 23/24: Sito Ricart, o renovado César Carballeira, Dava Torres, Fabri Ciocale, Fran Torres, o propio Martí Serra e o recentemente chegado Bruno Saavedra.
O club continúa traballando en novas fichaxes para completar un plantel que siga loitando por tódolos títulos posibles.
🟢🇵🇹⚪️ pic.twitter.com/YAkk7Yz3Rk
— Hockey Club Liceo (@HockeyClubLiceo) July 7, 2023