PREVIA #WSEChampionsLeague 24/25 (Ida Cuartos de Final) | Primeiro enfrontamento ante o Barcelos

PREVIA #WSEChampionsLeague 24/25 (Ida Cuartos de Final) | Primeiro enfrontamento ante o Barcelos

27 de marzo de 2025


Nil Cervera conduce a bóla na recente vitoria de OK Liga ante o Noia. Imaxe: MANU BOUTUREIRA.

O Deportivo Liceo afrontará este xoves, con Riazor como testemuña, un partido europeo de gran importancia (20:30h).

Chegou a hora da verdade na Champions. Coa súa Fase de Grupos xa alonxada, aparece a eliminatoria de Cuartos de Final para un Deportivo Liceo inmerso no sector definitivo da tempada. O seu rival, a dobre partido, será o Barcelos portugués (20:30h). A ida de Riazor estará dirixida polos árbitros italianos Ulderico Barbarisi e Massimiliano Carmazzi.

Eliminatoria de dúas partes

O exame do Pazo dos Deportes será moi importante pero non o único. Os Cuartos de Final da WSE Champions League constarán dun encontro de ida e outro de volta. Ó ser o Barcelos o equipo con mellor clasificación na Fase de Grupos, o segundo deles será na súa pista (xoves 3 de abril, 21:30h de Portugal e 22:30h de España).

A volta disputarase o xoves 3 de abril en terras portuguesas

O gañador destes Cuartos terá pleno dereito a participar na Final Four definitiva. Esta disputarase no mes de maio e determinará quen é o campión de Europa.

Lista de dez para recibir ó Barcelos

Juan Copa conta xa con todo o seu plantel para este final de tempada. Será o primeiro partido dentro desta circunstancia, xa que a lesión de longa duración de Pablo Cancela xa é cousa do pasado (foi convocado na recente vitoria de OK Liga ante o Noia). Tato Ferruccio tamén deixou atrás a sanción produto do cartón vermello visto na Copa do Rei.

O técnico coruñés debe realizar sen embargo un descarte ó ter a once xogadores dispoñibles. Neste caso será Ferruccio, polo que os dez que xogarán o xoves ante o Barcelos serán os seguintes:

  • Martín Rodríguez | Porteiro, dorsal 1
  • Martí Serra | Porteiro, 10
  • Nil Cervera | 2 | 1 gol en Champions
  • Arnau Xaus | 3 | 6 goles en Champions
  • César Carballeira | 5 | 5 goles en Champions
  • Jacobo Copa | 7 | 1 gol en Champions
  • Dava Torres | Capitán, 8 | 3 goles en Champions
  • Fabri Ciocale | 9 | 2 goles en Champions
  • Bruno Saavedra | 13 | 4 goles en Champions
  • Pablo Cancela | 74

Ante o campión do Grupo A

O Barcelos de Rui Neto gañou o posto nos Cuartos de Final tras vencer con contundencia no seu grupo clasificatorio. Foi líder con 20 puntos, froito de cinco vitorias e cinco empates. Continúa polo tanto invicto no que vai de Champions.

Imaxe: OC Barcelos.

Os lusos contan coa gran ameaza de Miguel Rocha, autor de ata 14 dianas nos dez encontros xogados ata o momento. Tampouco quedan atrás homes como Danilo Rampulla (5) ou os exliceístas Pol Manrubia (5) e Luis Querido (4). Son en total 32 dianas logradas en toda a Fase de Grupos.

Rui Neto viaxará a Galicia coa seguinte lista de xogadores:

  • Conti Acevedo | Porteiro, dorsal 1
  • Luís Barbosa | Porteiro, 27
  • Santi Chambella | 5 | 1 gol en Champions
  • Pol Manrubia | 7 | 5 goles en Champions
  • Pedro Silva | 8
  • Danilo Rampulla | 10 | 5 goles en Champions
  • Daniel Oliveira | 18 | 2 goles en Champions
  • Luis Querido | Capitán, 19 | 4 goles en Champions
  • Miguel Vieira ‘Vieirinha’ | 24 | 1 gol en Champions
  • Miguel Rocha | 44 | 14 goles en Champions

Deixa un comentario