O deporte creouse para vivir días así. O Deportivo Liceo de Juan Copa afrontará este xoves unha das grandes probas do curso coa visita a Riazor do Oliveirense (21:00h).
Na mente só haberá un obxectivo: gañar. Sumar de tres é o único resultado que lle pode dar aos verdiblancos o pase á Final 8 da WSE Champions League, que se disputará do 4 ao 7 de maio en Viana do Castelo (Portugal). Para loitar por esta gran meta, o Pazo dos Deportes será un xogador máis.
Só vale gañar
Cal é a situación? Os liceístas son os actuais terceiros clasificados dentro dun Grupo A xa conquistado polo Benfica (11 puntos) e pechado polo Calafell (2). Acumulan 6 unidades fronte ás 7 do seu rival desta sexta xornada, polo que un empate ou unha derrota significarían a clasificación do cadro de Oliveira de Azeméis.
- UD Oliveirense – Deportivo Liceo (5-1) | Xornada 1
- Deportivo Liceo – SL Benfica | (3-3) | Xornada 2
- Calafell – Deportivo Liceo | (3-4) | Xornada 3
- Deportivo Liceo – Calafell | (4-4) | Xornada 4
- SL Benfica – Deportivo Liceo | (2-2) | Xornada 5
- Deportivo Liceo – UD Oliveirense | Xornada 6 | 13 de abril | 21:00h
Este partido poderase seguir en directo vía streaming grazas a europe.worldskate.tv, ademáis de pola TVG2. Estará dirixido polos colexiados italianos Claudio Ferraro e Francesco Stallone.
Unha vez rematada a proba, o Deportivo Liceo deberá centrarse ao 100% na visita do Vilafranca a Riazor deste mesmo sábado (17:00h, OK Liga). En xogo estará o segundo posto doméstico.
Prenda verde? Entrada gratuita
Juan Copa e os seus xogadores necesitarán todo o apoio posible nesta loita, polo que todos os liceístas que acudan ao Pazo dos Deportes cunha prenda verde poderán entrar gratis. Esta non ten que ser exclusivamente do propio Liceo.
XOVES 13. 21:00h. Pazo dos Deportes.
Final 8 da #WSEChampionsLeague en xogo. Só vale ganar no #LiceoOliveirense. Faille caso ós nosos e convirtamos Riazor nunha caldeira.
Trae unha 🟢 PRENDA VERDE 🟢 e ENTRARÁS DE BALDE!
Agardámosvos, #Liceístas! pic.twitter.com/K46MgDrMmy
— Hockey Club Liceo (@HockeyClubLiceo) April 10, 2023
Por outra parte, as taquillas abrirán unha hora antes do encontro (20:00h) para así vender entradas a un módico prezo de 5€ (público xeral).
Contra un grande de Portugal e varios ex
O Oliveirense, actual quinto clasificado do Campeonato Placard portugués, é un dos clubes de maior magnitude do país veciño. Só é superado no hockey doméstico por auténticos trasatlánticos como Porto, Sporting ou Benfica.
Ademáis, xa lle demostrou o seu potencial ao Deportivo Liceo nesta mesma competición. O choque inaugural desta WSE Champions League, celebrado en terras lusas, rematou cunha derrota importante para os verdiblancos (5-1). Anotaron Lucas Martínez (3), Xavi Cardoso e Tomás Pereira para superar o gol de César Carballeira.


Oliveira de Azeméis tamén é o hogar de dous xogadores que vestiron recentemente as cores liceístas: Franco Platero e Jordi Adroher.
Tódolos xogadores dispoñibles
A totalidade do plantel verdibranco estará en plenas condicións físicas para este importante partido. A saber: Martí Serra, Mati Bridge, Sito Ricart, Bruno Di Benedetto, César Carballeira, Pol Manrubia, Dava Torres, Fabri Ciocale, Arnau Canal, Àlex Rodríguez e Fran Torres.