CRÓNICA WSE CHAMPIONS LEAGUE (Fase de Grupos, X1) | Derrota ante o Oliveirense (5-1)

CRÓNICA WSE CHAMPIONS LEAGUE (Fase de Grupos, X1) | Derrota ante o Oliveirense (5-1)

A estrea da WSE Champions League non foi como se desexou. O Deportivo Liceo caeu na pista dun duro Oliveirense e foise coas mans baleiras trala primera xornada da fase de grupos, que se reanudará o vindeiro 9 de febreiro. Restan cinco xornadas de loita.

Nesta primeira data, a acción xa non comezou ben desde o principio. Ós tres minutos, os colexiados italianos Ferrari e Carmazzi consideraron como penalti un dubidoso lance de Bruno Di Benedetto co exliceísta Platero e, na protesta, Martí Serra viu o cartón azul. A primeira pena máxima das varias que sufriría o Liceo durante o partido. Tomás Pereira batiu a Mati Bridge (1-0) ó segundo intento, xa que os xuíces sinalaron que o arxentino estaba adiantado en primera instancia.

O Oliveirense adiantouse no minuto 3 mediante un penalti transformado por Tomás Pereira.

De penalti tamén empatou César Carballeira, o especialista do equipo nesta disciplina. Corría o minuto 6. Desde ese momento, a gran intensidade dominou o xogo e premiou ó Oliveirense mediante un gol de Lucas Martínez orixinado desde o costado dereito do ataque local (minuto 12).

O arxentino, campión do mundo, anotou outro desde o esquerdo pouco despois (3-1). O Deportivo Liceo reaccionou mandando unha bóla ó longueiro de Diogo Fernandes, pero do acerto de Martínez chegou o 4-1. Así aguantou o marcador ata o descanso.

O acerto foi portugués

Aínda que con ganas de loitar polo empate, o Deportivo Liceo atopou obstáculos desde o inicio da segunda metade. Os colexiados italianos decretaron dous penaltis na súa contra en cuestión de dous minutos, un deles co resultado extra dun cartón azul a Pol Manrubia. Afortunadamente, un enorme Martí Serra logrou deter ambos a Tomás Pereira e Nuno Araújo.

O Deportivo Liceo debeu afrontar varios penaltis e directas en contra, a gran maioría detidas por un acertado Martí Serra.

O Deportivo Liceo non baixou os brazos e continuou atacando a pesar da sólida defensa do conxunto de Paulo Pereira. O acerto tivo nacionalidade portuguesa, xa que Xavi Cardoso si logrou marcar o 5-1 no minuto 48. O hipotético 6-1 foi detido por Martí Serra, hábil na bóla parada, cando Lucas Martínez lanzou a directa froito da décima infracción verdibranca. O ferro axudoulle tras outro penalti en contra. Así rematou.

O vindeiro compromiso europeo do Deportivo Liceo terá lugar en Riazor, que recibirá ó Benfica o 9 de febreiro (21:00h). Ata entón, Juan Copa e os seus xogadores centraranse na OK Liga para recibir na Coruña ó Arenys de Munt (sábado 28, 18:00h).

FICHA TÉCNICA

OLIVEIRENSE: Diogo Fernandes; Jorge Silva, Xavi Cardoso, Franco Platero, Xaneca Marques (quinteto inicial), Nuno Araújo, Tomás Pereira, Jordi Adroher, Lucas Martínez e Diogo Alves (meta suplente).

DEPORTIVO LICEO: Martí Serra; Bruno Di Benedetto, César Carballeira, Dava Torres, Àlex Rodríguez (quinteto inicial), Sito Ricart, Pol Manrubia, Fabri Ciocale, Arnau Canal e Mati Bridge (meta suplente).

ÁRBITROS: Massimiliano Carmazzi e Franco Ferrari. Mostraron cartón azul a Martí Serra e a Pol Manrubia por parte do Deportivo Liceo.

GOLES: 1-0 (Tomás Pereira, de penalti, min. 3). 1-1 (César Carballeira, de penalti, min. 6). 2-1 (Lucas Martínez, min. 12). 3-1 (Lucas Martínez, min. 15). 4-1 (Lucas Martínez, min. 22). 5-1 (Xavi Cardoso, min. 38).

WSE Champions League 2023, Fase de Grupos, Xornada 1. Pavilhão Dr. Salvador Machado (Oliveira de Azeméis).

Deixa un comentario