Imaxe: MANU BOUTUREIRA.
Co subcampionato de Copa do Rei xa no pasado, o Deportivo Liceo céntrase noutro importante partido: a visita do Calafell ó Pazo dos Deportes da Coruña (xoves 9, 20:30h). A WSE Champions League volverá coa súa cuarta xornada, que traerá o único obxectivo de loitar por un segundo triunfo consecutivo e así seguir na pugna pola Final 8.
A primeira vitoria tivo lugar precisamente contra o conxunto catalán na terceira data. A viaxe verdibranca ó Pavelló Joan Ortoll (23 de febreiro) rematou cun 3-4 favorable que mantivo máis vivas as posibilidades de clasificación. Sito Ricart, Bruno Di Benedetto, Àlex Rodríguez e Arnau Canal foron os responsables dos goles.
Actualmente, o conxunto dirixido por Juan Copa ocupa a terceira posición (4 puntos) dentro dun Grupo A dominado polo Benfica (7). Completan a terna o Oliveirense, segundo con outras 4 unidades; e o mencionado Calafell (unha).
O Deportivo Liceo é o actual terceiro clasificado do Grupo A con catro unidades, as mesmas có Oliveirense
Resumindo, o camiño percorrido e por percorrer do Deportivo Liceo nesta fase de grupos é o seguinte:
- UD Oliveirense – Deportivo Liceo (5-1) | Xornada 1
- Deportivo Liceo – SL Benfica | (3-3) | Xornada 2
- Calafell – Deportivo Liceo | (3-4) | Xornada 3
- Deportivo Liceo – Calafell | Xornada 4 | 9 de marzo | 20:30h
- SL Benfica – Deportivo Liceo | Xornada 5 | 23 de marzo | 22:00h (España)
- Deportivo Liceo – UD Oliveirense | Xornada 6 | 13 de abril | 21:00h
Este partido poderase seguir en directo vía streaming grazas a europe.worldskate.tv, ademáis de pola TVG2. Estará dirixido polos colexiados portugueses Rui Torres e Pedro Figueiredo.
Unha vez concluida a proba, o Deportivo Liceo deberá centrarse ó 100% na visita do Alcoi a Riazor deste mesmo sábado (18:30h, OK Liga).
Un rival de gran loita
O Calafell, capitaneado desde o banco por Ferran López, é un dos grandes animadores da OK Liga e desta propia Champions. Falamos do segundo clasificado na liga doméstica só por detrás do Barça. En Europa ocupa o último posto, pero os seus puntos falan pouco da notable imaxe demostrada.
Os cataláns, para empezar, loitáronlle seriamente ó Benfica na súa propia pista a pesar de caer por 5-3. Na segunda xornada colleitaron un empate na visita do Oliveirense ó Joan Ortoll e, posteriormente, caeron contra o propio Liceo nun encontro que esixiu o mellor do conxunto de Juan Copa.
Tódolos xogadores dispoñibles
O máximo de dez xogadores que permiten as convocatorias obrigará ó técnico liceísta a realizar un descarte. Sen embargo, a decisión non se tomará ata o propio día do partido. Terá onde elixir, xa que os once integrantes do primeiro plantel se atopan en perfectas condicións de competición.
Os encargados de buscar a vitoria ante o Calafell, polo tanto, serán dez destes once homes: Martí Serra, Mati Bridge, Sito Ricart, Bruno Di Benedetto, César Carballeira, Pol Manrubia, Dava Torres, Fabri Ciocale, Àlex Rodríguez, Fran Torres e Arnau Canal.