O maratón que vén esta semana comezará cun partido de máximo nivel. Deportivo Liceo e Manlleu enfrontaranse o domingo ás 12:30h no Pazo con dous obxectivos similares: continuar sendas boas dinámicas. Non será unha meta sinxela no lado verdibranco, iso si, tendo en conta a magnitude do rival.
Sen embargo, a clasificación para a Copa da Raíña e as tres vitorias consecutivas recentes (Girona, Bigues e Sant Cugat) avalan o estado de forma do conxunto de Stanis García e invitan ó optimismo. Na man está seguir mellorando a situación clasificatoria do equipo, inquilino do sétimo posto e propietario de 19 puntos.
A visita do Manlleu dará comezo a unha semana, iso si, realmente esixente. O Liceo pasará dun trasatlántico a outro (Telecable, mércores 20:15h) e rematará recibindo a outro bo equipo: o Cerdanyola.
Un Manlleu poderoso pero esixido
Non se pode negar o gran nivel do conxunto dirixido por Jordi Boada, unha das potencias da OK Liga Feminina. Viaxará á Coruña, sen embargo, no medio doutro auténtico maratón de hockey. Os partidos pendentes por temas COVID provocaron que o Manlleu (terceiro a un punto do líder) dispute en Riazor o seu terceiro partido da semana.
Comezou con derrota importante ante o Telecable, rival directo, e continuou cun triunfo sufrido fronte ó Vilanova, penúltimo. O encontro contra o Deportivo Liceo terá lugar tan só 48 horas despois, polo que o aspecto físico será unha das chaves da acción.
Lista de convocadas
O compromiso, a pesar do anterior, será de dificultade máxima. Stanis García contará coas seguintes xogadoras para intentar dar un golpe na mesa: Viki Caretta, Mencía Mosquera, María Sanjurjo, Adriana Soto, Bea Gaete, Alba Garrote, Luchy Paz, Cris Diz, Ale Martín e Lucía Yáñez.