PREVIA OK LIGA (X6) | Gran obstáculo antes do parón

PREVIA OK LIGA (X6) | Gran obstáculo antes do parón

A pausa de mes e medio pola preparación e a celebración dos World Roller Games non empezará ata que remate un clásico da OK Liga. Será o que enfronte a Deportivo Liceo e a Reus Deportiu, dúas das potencias da competición que loitarán en Riazor por tres novos puntos (domingo 9, 12:00h).

Para Juan Copa e os seus xogadores preséntase unha difícil pero importante oportunidade de repoñerse da recente derrota en Noia. Tamén unha pequena revancha trala sufrida nas semifinais de Supercopa (2-4) ante os propios reusenses. De todos modos, a boa situación clasificatoria (12 puntos de 15 posibles) continúa mostrando un inicio competitivo de pouca queixa.

Será, ademáis, un duelo con caras novas.

Debut de Pol Manrubia

A gran novidade do plantel liceísta residirá en Pol Manrubia. A nova fichaxe do equipo, chegada do Benfica en calidade de cedido, disputará os seus primeiros minutos oficiais como xogador do Deportivo Liceo.

Completarán a convocatoria Martí Serra, Mati Bridge, Bruno Di Benedetto, César Carballeira, Dava Torres, Fabri Ciocale, Arnau Canal, Sito Ricart e Àlex Rodríguez. Ó ser unha lista de dez convocados, Fran Torres queda fóra da mesma.

Gran rival de inicio fulgurante

Hai pouco que dicir do Reus Deportiu, un dos estandartes da OK Liga. Fai honra ó seu nome o excelente comezo de tempada realizado polos xogadores de Jordi García: 13 puntos de 15 posibles despois de colleitar catro vitorias e un empate. O último triunfo, un contundente 6-0 fronte ó Vilafranca. Sete días antes lograba vencer na dura pista do Noia (3-4).

Gran parte de culpa é dos seus dous xogadores estandarte nestes cinco duelos: Marc Julià e Sergi Aragonès, autores de oito e sete goles respectivamente.

Portas abertas para os máis pequenos

Dacordo coa nova política do club, os nenos e nenas que cumpran calquera das seguintes condicións poderán asistir de xeito gratuito a este e a tódolos partidos do Liceo ata o final do presente curso:

  • Ter 12 anos ou menos. En casos non tan evidentes, deberá acreditarse a idade mediante DNI.
  • Estudar no Colexio Liceo La Paz, sexa cal sexa a idade.
  • Contar cunha ficha federativa de hockey sobre patíns que se deberá ensinar nas portas de entrada ó Pazo dos Deportes.

Non hai mellor modo de empaparse de Liceísmo!

Entradas dixitais a 5 euros para público xeral

Por outra parte, e coma sempre, o público xeral que desexe asistir ó partido dispón de pases dixitais neste enlace de Cluber a cinco euros cada un. Unha vez chegado ó Pazo, o seu poseedor só deberá ensinar o código QR nas portas de entrada.

Por suposto, os socios do Deportivo Liceo e os abonados provintes do Real Club Deportivo accederán gratis ensinando as súas credenciais.

Deixa un comentario