CRÓNICA OK LIGA (J5) | Primeira derrota do curso (5-3)

CRÓNICA OK LIGA (J5) | Primeira derrota do curso (5-3)

Imaxe: PAOLA PÉREZ.

O Deportivo Liceo recibiu en Noia un primeiro golpe que non empaña o seu gran inicio de OK Liga. A derrota inaugural da tempada deixa o rexistro actual de Juan Copa e os seus xogadores en 12 puntos sobre 15 posibles.

Para honrar ó gran cartel que ofrecía o Ateneu, Noia e Deportivo Liceo mostraron un xogo igualado no acto inicial. Por momentos loitou por impoñerse ó duro conxunto de Pere Varias aproveitando o empuxe dunha grada moi ruidosa. Aleix Esteller e Adrià Ballart foron os primeiros en avisar ó golpear ó pau de Martí Serra nunha dobre ocasión clara.

A loita liceísta, da que formou parte un recuperado Àlex Rodríguez, tamén foi recurrente. Sen embargo, os locais lograron adiantarse grazas ó gol de Martí Gabarró no minuto 18 de xogo. Froito dunha intensidade boa por ese lado, pero perigosa tendo en conta o 8-3 en faltas que campou ó descanso.

O Deportivo Liceo celebra un dos goles de César Carballeira. Imaxe: PAOLA PÉREZ.

Unha segunda parte de ida e volta

O inicio dos últimos 25 minutos xa foi un presaxio do que viña. O Liceo volveu á pista en inferioridade tras ver Àlex Rodríguez un cartón azul durante o descanso, aspecto que o Noia aproveitou mediante Jordi Bargalló. O exliceísta anotou o 2-0 cando os dous minutos estaban a piques de rematar.

O tapón dos goles continuou quitado cando César Carballeira acurtou distancias de penalti pouco despois. Ós poucos segundos, Kyllian Gil recuperou a vantaxe local (3-1, minuto 29).

O mesmo dorsal 5 do Liceo, outra vez desde o punto de pena máxima, anotou o 3-2. Un gol que deu paso a dez minutos de máis tranquilidade en canto a marcador. Aínda así, as malas novas regresaron cando Adrià Ballart marcou o 4-2. A directa acertada de Àlex Rodríguez (4-3) non foi suficiente para neutralizar nin esa diana nin a lograda por Aleix Esteller (5-3) a un minuto do final.

Xa convertido en pasado, este choque precede a outro de gran nivel que enfrontará a Liceo e Reus Deportiu en Riazor (domingo 9, 12:00h). Será o último antes do parón de mes e medio provocado pola celebración dos World Roller Games de San Juan.

FICHA TÉCNICA

NOIA: Blai Roca; Aleix Esteller, Xavi Costa, Eloi Mitjans, Adrià Ballart (quinteto inicial), Kyllian Gil, Toni Salvadó, Jordi Bargalló, Martí Gabarró e Jan Marimon (meta suplente).

DEPORTIVO LICEO: Martí Serra; Bruno Di Benedetto, César Carballeira, Dava Torres, Fabri Ciocale (quinteto inicial), Sito Ricart, Àlex Rodríguez, Fran Torres, Arnau Canal e Mati Bridge (meta suplente).

ÁRBITROS: Mayor Oliván e Iglesias Vallina. Mostraron cartón azul ó liceísta Àlex Rodríguez.

GOLES: 1-0 (Martí Gabarró, min. 18). 2-0 (Jordi Bargalló, min. 27). 2-1 (César Carballeira, de penalti, min. 29). 3-1 (Kyllian Gil, min. 29). 3-2 (César Carballeira, de penalti, min. 31). 4-2 (Adrià Ballart, min. 40). 4-3 (Àlex Rodríguez, min. 46). 5-3 (Aleix Esteller, min. 49).

OK Liga 22/23, Xornada 5. Olímpic de l’Ateneu.

Deixa un comentario