Lance do encontro da primeira volta, que rematou con triunfo verdibranco. Imaxe: MANU BOUTUREIRA.
Remata a primeira parte da OK Liga 22/23 e para o Deportivo Liceo farao na pista do Lleida. O Municipal Onze de Setembre será testemuña dunha xornada semiunificada á que Juan Copa e os seus homes xa chegarán como segundos clasificados de forma matemática (59 puntos).
A data elixida será o domingo ás 17:00h con respecto a tódolos encontros con algo en xogo, sendo o Vilafranca-Barça o único que se disputará en sábado (pase o que pase será un último contra primeiro). O de Lleida terá ó equipo local aínda loitando pola mellor praza para o playoff polo título.
Dita fase polo entorchado comezará a fin de semana do 13 de maio, con datas definitivas e horarios aínda por determinar.
Este último partido estará dirixido polos colexiados Aleix Gorina Bail e David Calonge Barrio, con Alan Navarro Mir como auxiliar. Será retransmitido por OK Liga TV (canle de YouTube).
Pendentes do rival de cuartos de final
A xornada final desta fase regular determinará cal será o contendente do Deportivo Liceo nos cuartos de final do playoff. Os equipos con posibilidade de rematar no sétimo posto son tres: o PAS Alcoi (33 puntos), o propio Lleida (33) e o Igualada (30).
Hai tres posibles contendentes para iniciar o playoff: Alcoi, Lleida e Igualada
Sexa como sexa, o conxunto dirixido por Juan Copa poderá contar con factor pista nesta futura eliminatoria. Tamén nunhas hipotéticas semifinais.
Nove xogadores con destino Lleida
O técnico coruñés terá á súa disposición a un total de nove homes para buscar os tres puntos na pista catalá. O número de baixas será de dúas: Bruno Di Benedetto (acumulación de cartóns azuis) e Fran Torres ‘Tombita’ (integrante do equipo junior na Fase de Sector).
A convocatoria definitiva, polo tanto, estará formada polos seguintes xogadores: Martí Serra, Mati Bridge (porteiros), Sito Ricart, César Carballeira, Pol Manrubia, Dava Torres, Fabri Ciocale, Àlex Rodríguez e Arnau Canal.
Fronte a un Lleida con obxectivos pendentes
O equipo de Albert Folguera está matemáticamente clasificado para o playoff, aínda que a posición na que o fará aínda é unha incógnita. O Lleida é o actual sétimo da OK Liga (33 unidades) e o seu mellor escenario posible é alcanzar o sexto posto agora ocupado polo Alcoi. O peor consistiría en loitar polo título como oitavo.
O cadro de Albert Folguera loitará por afrontar o playoff desde o mellor posto posible
Os anfitrións do Onze de Setembre rexistraron 10 vitorias, 3 empates e 12 derrotas nos 25 encontros da fase regular disputados ata o momento. Capaces do mellor e do peor, acumulan tamén 74 goles a favor (o menor número da zona media) e 83 en contra.
Os cataláns, que buscarán recuperarse da súa derrota ante o Noia da xornada 24, tamén terán en mente vingarse do resultado da primeira volta. A súa visita do pasado mes de xaneiro ó Pazo dos Deportes rematou con triunfo liceísta por 5-2 (dous goles de César Carballeira e un de Dava Torres, Bruno Di Benedetto e Àlex Rodríguez).