CRÓNICA OK LIGA (X13) | Feliz 2023 (5-2)

CRÓNICA OK LIGA (X13) | Feliz 2023 (5-2)

Imaxe: MANU BOUTUREIRA.

O novo ano comezou do mellor xeito. Cun triunfo do Deportivo Liceo, dominador ante o Lleida para regresar á OK Liga sumando de tres. Son xa un total de 30 puntos que colocan ó equipo como segundo tralo final da primeira volta, o que tamén supón a clasificación para a Copa do Rei.

Desde o principio, o máis activo en ataque foi o equipo vestido de verde e branco. Primeiro mediante o capitán Dava Torres, que probou por dúas veces a Elagi Deitg, e logo Àlex Rodríguez. O dorsal 8, no minuto do mesmo número, mandou unha bóla lateral de César Carballeira ó ferro. Os avisos xa eran serios.

Arnau Canal provocou o penalti que rematou no 2-0. Imaxe: MANU BOUTUREIRA.

Logo chegou o minuto máxico. No 10, Dava redimiuse e anotou o 1-0 cun remate de espaldas. Inmediatamente despois, un penalti cometido sobre Arnau Canal foi transformado por César (2-0). Sen embargo, o Lleida non baixou os brazos e marcou o 2-1 tras unha xogada embarullada que finalizou Aragonès. Juan Copa e os seus homes, cabreados, pediron falta.

A cousa empeorou cando Sito Ricart viu un cartón azul, pero Martí Serra detivo o intento de Vives desde a directa. O Deportivo Liceo deixou todo na pista para superar a inferioridade numérica e, en cinco minutos, púxose 4-1 grazas a Bruno Di Benedetto (acción e pase de Àlex) e César (batiu ó ingresado Oriol Codony). O descanso chegou con cousas en xogo, xa que Nuno Paiva enganchou un golazo instantes antes da bocina.

Xestión

A segunda metade deixou unha relativa calma. O Deportivo Liceo foi quen de xestionar moi ben a súa vantaxe, non tomou riscos innecesarios e continuou atacando cando a ocasión o merecía. As urxencias estaban no Lleida. Aínda que intentaron meter medo, non o lograron.

Trala dubidosa non concesión dun gol a Àlex Rodríguez, os homes de Albert Folguera gozaron dunha vida extra que tampouco aproveitaron. Fíxoo o dorsal 27 liceísta tras marcar o 5-2 pola 15º infracción visitante. Así rematou.

Co triunfo no saco, o Deportivo Liceo prepárase desde xa para un novo partido como local. Visitará Riazor o Voltregà (sábado 14, 18:00h).

FICHA TÉCNICA

DEPORTIVO LICEO: Martí Serra; Bruno Di Benedetto, César Carballeira, Dava Torres, Àlex Rodríguez (quinteto inicial), Sito Ricart, Pol Manrubia, Fabri Ciocale, Arnau Canal e Mati Bridge (meta suplente).

LLEIDA: Elagi Deitg; Joan Cañellas, Nuno Paiva, Sergi Duch, Jepi Selva (quinteto inicial), Oriol Vives, Xavi Aragonès, Jordi Badia, Sergi Folguera e Oriol Codony (meta suplente).

ÁRBITROS: Jonathan Sánchez García e Luis Mier Sánchez. Mostraron cartón azul a Sito Ricart por parte do Deportivo Liceo.

GOLES: 1-0 (Dava Torres, min. 10). 2-0 (César Carballeira, de penalti, min 11). 2-1 (Xavi Aragonès, min. 12). 3-1 (Bruno Di Benedetto, min. 18). 4-1 (César Carballeira, de penalti, min. 23). 4-2 (Nuno Paiva, min. 25). 5-2 (Àlex Rodríguez, min. 49).

OK Liga 22/23, Xornada 13. Pazo dos Deportes de Riazor (A Coruña).

Deixa un comentario