CRÓNICA OK LIGA (X26) | Derrota previa ó playoff (8-5)

CRÓNICA OK LIGA (X26) | Derrota previa ó playoff (8-5)

Rematou a fase regular da OK Liga 22/23 e fíxoo con derrota. O Deportivo Liceo (segundo, 59 puntos) caeu en Lleida tras unha boa segunda parte local e afronta xa o vindeiro playoff polo título. Comezará a defender contra o Igualada o levantado no curso 21/22. Os seus cuartos de final comezarán a fin de semana do 13 de maio.

Con Bruno Di Benedetto (acumulación de azuis) e Fran Torres (fase de sector junior) como baixas, o conxunto de Juan Copa conseguiu iniciar a acción con fiabilidade sen necesitar o seu mellor ritmo físico. Comezou avisando o Lleida cun disparo de Oriol Vives ó pau do hoxe titular Mati Bridge, aínda que quen golpeou primeiro foi o Liceo.

O Deportivo Liceo viviu as baixas de Bruno Di Benedetto e Fran Torres ‘Tombita’

No minuto 8 de xogo, unha asociación entre César e Dava deixou o gol do dorsal 5. Pase, remate do capitán, parada de Elagi Deitg e definición definitiva de Carballeira para inaugurar o marcador (0-1). Os locais intensificaron o seu traballo pero nese momento non puideron contra a defensa verdibranca nin contra Bridge. Despois si. Albert Folguera e os seus xogadores xa estaban clasificados para a fase polo título, pero aínda xogaban para facelo desde a mellor posición posible.

Accidente de pista sen consecuencias

Os liceístas si puideron ampliar a vantaxe. Pol Manrubia avisou cun disparo perigoso desde dentro da área que non atopou a portería e Dava Torres agasallou con feitos. Foi o responsable de marcar un penalti cometido polos cataláns no minuto 16 de xogo (0-2).

Tampouco estiveron atinados os branquiazuis en momentos chave como a directa da que gozou despois Vives. Un cartón azul a Fabri Ciocale levou ó ex dos coruñeses ó punto de lanzamento. Disparou e desviou Mati Bridge.

Sen embargo, a gran incidencia de antes do descanso non foi puramente deportiva. Ocorreu cando un foco da pista caeu no parqué, afortunadamente sen ningún tipo de dano persoal. A bóla continuou rodando unha vez os operarios recolleron os desperfectos.

Gran reacción local

Todo cambiou na segunda parte. E moito. Avisou Xavi Aragonès cun esférico ó longueiro ó pouco de reiniciarse a acción e instantes despois marcou Nuno Paiva (1-2, minuto 30). O empate non chegou na directa seguinte de Sergi Folguera, senón mediante Oriol Vives cun disparo lonxano que sorprendeu a todos. A remontada oficializouse no 34, con gol de penalti do propio dorsal 6 (3-2).

A segunda parte deixou unha enorme reacción do Lleida con remontada incluida

O pico de forma dos homes de Albert non rematou aí. Continuou ata o final. Nuno Paiva logrou o 4-2 no minuto 35 despois de culminar a súa xogada individual. O 4-3 de Àlex Rodríguez, despois doutra acción persoal, deulle a Fabri Ciocale a oportunidade de empatar e Deitg anulouna. O bo meta do Lleida tamén se mantivo forte nunha falta directa lanzada por Dava Torres (décima infracción branquiazul).

Foron dous momentos chave no devir do encontro, xa que precederon a outro vendaval catalán que decantou os tres puntos. Marcou Aragonès por partida dobre despois daquela bóla parada e despois replicouno Paiva cun novo dobrete de segundos de duración (total de 8-3). César e Àlex anotaron no último minuto de compromiso para mellorar tímidamente o resultado final: 8-5.

FICHA TÉCNICA

LLEIDA: Elagi Deitg; Nuno Paiva, Oriol Vives, Sergi Duch, Sergi Folguera (quinteto inicial), Xavi Aragonès, Jordi Badia, Albert Isla, Joan Marc Pujol e Oriol Codony (meta suplente).

DEPORTIVO LICEO: Mati Bridge; Sito Ricart, César Carballeira, Dava Torres, Àlex Rodríguez (quinteto inicial), Pol Manrubia, Fabri Ciocale, Arnau Canal e Martí Serra (meta suplente).

ÁRBITROS: Gorina Bail e Calonge Barrio. Mostraron cartón azul ós liceístas Fabri Ciocale e Pol Manrubia.

GOLES: 0-1 (César Carballeira, min. 8). 0-2 (Dava Torres de penalti, min. 16). 1-2 (Nuno Paiva, min. 30). 2-2 (Oriol Vives, min. 33). 3-2 (Oriol Vives de penalti, min. 34). 4-2 (Nuno Paiva, min. 35). 4-3 (Àlex Rodríguez, min. 37). 5-3 (Xavi Aragonès, min. 43). 6-3 (Xavi Aragonès, min. 44). 7-3 (Nuno Paiva, min. 47). 8-3 (Nuno Paiva, min. 47). 8-4 (César Carballeira, min. 50). 8-5 (Àlex Rodríguez, min. 50).

OK Liga 22/23, Xornada 26. Municipal Onze de Setembre (Lleida).

Deixa un comentario