PREVIA OK LIGA (X22) | De novo ó Joan Ortoll

PREVIA OK LIGA (X22) | De novo ó Joan Ortoll

Arenga na última visita do Deportivo Liceo ó Joan Ortoll, correspondente á final da Copa do Rei. Imaxe: LUIS VELASCO.

O Pavelló Joan Ortoll de Calafell recibirá ó Deportivo Liceo por terceira vez en menos dun mes e na terceira competición distinta. A serie de visitas empezou o 26 de febreiro coa WSE Champions League, continuou a principios de marzo coa Copa do Rei (sede única) e rematará presumiblemente o día 18 do mesmo mes coa OK Liga. O seu segundo posto estará en xogo este sábado ás 19:30h.

Só un punto separa ó Calafell (segundo, 48) do conxunto de Juan Copa (terceiro, 47), polo que se antolla un duelo vital polo subcampionato da fase regular a falta de tan só cinco datas para a súa finalización. O mesmo estará dirixido polos colexiados Iván González González e Erik Rivas Martín.

Unha vez completado o compromiso, ó Deportivo Liceo restaranlle catro xornadas decisivas ata o 29 de abril: Igualada (casa), Caldes (fóra), Vilafranca (casa) e Lleida (fóra). As dúas últimas contarán cun horario unificado aínda por determinar.

Cuarto enfrontamento da tempada

Será a vez número 4 na que se enfrontarán cataláns e galegos no que vai de curso 22/23: dúas foron no Pazo dos Deportes de Riazor e unha no Joan Ortoll.

O balance do presente curso entre ambos equipos está totalmente igualado

O balance non pode ser máis igualado: triunfo do Calafell no duelo de OK Liga na Coruña (1-2), vitoria liceísta como visitante na Champions (3-4) e un empate dentro da propia competición europea (4-4).

Tal e como se apuntou anteriormente, o Joan Ortoll tamén foi a sede da Copa do Rei que deixou ó cadro de Juan Copa como subcampión. Neste caso non se atoparon os dous contendentes do sábado.

Lista de convocados

Como é habitual, Juan Copa debe realizar un descarte para completar o máximo permitido de dez xogadores por lista. Neste caso será Fran Torres ‘Tomba’.

Con todo o plantel en disposición física de competir, formarán parte da expedición a Calafell os seguintes homes: Martí Serra, Mati Bridge (porteros), Sito Ricart, Bruno Di Benedetto, César Carballeira, Pol Manrubia, Dava Torres, Fabri Ciocale, Arnau Canal e Àlex Rodríguez.

Un rival fiable e loitador

O Calafell de Ferran López é protagonista dun gran rendemento tanto en España como en Europa. Na OK Liga é o actual poseedor da segunda praza que estará en xogo neste partido.

Proclamáronse como un dos tres grandes clubes da presente competición doméstica en base á regularidade, o bo traballo desde o banco e unhas individualidades de gran nivel. Entre elas están as de Martí Casas (gran referente goleador cun total de 34 dianas), o exliceísta Sergi Miras ou o meta Gerard Camps. Un grupo de excelente nivel que sen dúbida dificultará moito o camiño do Deportivo Liceo.

Deixa un comentario