PREVIA OK LIGA (X17) | A pola oitava en Sant Cugat

PREVIA OK LIGA (X17) | A pola oitava en Sant Cugat

A OK Liga non se detén. Preséntase de novo ante o Deportivo Liceo en forma de viaxe á Zona Esportiva Municipal de Sant Cugat. Alí, Juan Copa e os seus xogadores enfrontaranse ó equipo local (sábado 4, 20:30h) para intentar sumar a súa oitava vitoria consecutiva, afianzar a segunda praza e continuar esixíndolle ó actual líder.

O conxunto verdibranco, que suma un gran rexistro de 39 puntos sobre 48 posibles, deberá prepararse ademáis para outra esixente semana na que regresará a WSE Champions League. A competición europea debutará no Pazo dos Deportes de Riazor coa visita do Benfica, un dos clubes máis importantes de Portugal (xoves 9, 21:00h).

O Deportivo Liceo afrontará unha nova semana marcada pola segunda xornada da WSE Champions League

Só dous días despois, o feudo liceísta volverá a albergar hockey de OK Liga coa chegada do Noia (sábado 11, 18:00h). Dúas esixentes datas en menos de 48 horas para as que será necesario dalo todo.

Un Sant Cugat que se aferra á OK Liga

O vindeiro rival do Deportivo Liceo é un recén ascendido en plena loita por manterse na máxima categoría nacional. O PHC Sant Cugat de Joan Carles Vadillo é o actual antepenúltimo da táboa clasificatoria con 11 puntos sumados froito de tres triunfos, dous empates e once derrotas. Catro delas veñen da súa presente racha tras caer ante Girona, Arenys (dous rivais por evitar o descenso), Reus e Noia (equipos da zona alta).

O Sant Cugat, recén ascendido, ocupa a antepenúltima praza da competición

Na súa visita ó Pazo dos Deportes da primeira volta, o Sant Cugat caeu por 7-1 (tres tantos de Fabri Ciocale e un de Bruno Di Benedetto, Dava Torres, Àlex Rodríguez e Arnau Canal). O gol visitante foi obra de Pol Galbas, segundo máximo realizador do equipo con sete no seu haber.

Lista de convocados

A expedición liceísta con destino a Sant Cugat non conta con Fran Torres, elixido como descarte polo tope máximo de dez xogadores para as convocatorias.

A lista queda composta, polo tanto, polos seguintes xogadores: Martí Serra, Mati Bridge, Sito Ricart, Bruno Di Benedetto, César Carballeira, Pol Manrubia, Dava Torres, Fabri Ciocale, Àlex Rodríguez e Arnau Canal.

Deixa un comentario