CRÓNICA OK LIGA (X17) | Oito triunfos seguidos (0-2)

O Deportivo Liceo vence a un traballador e motivado Sant Cugat para sumar outros tres puntos e acumular 42 sobre 51 posibles.

Traballo, intelixencia, acerto e solidez xuntáronse dentro do Deportivo Liceo para gañar por oitava vez consecutiva. O triunfo ocorreu esta vez en Sant Cugat contra un equipo local animado polo seu pavillón, aínda que incapaz de superar a muralla defensiva de Juan Copa. Os homes do preparador galego acumulan xa 42 puntos sobre 51 posibles e manteñen a segunda praza da OK Liga.

Éxito, iso si, que costou abrir. Os hoxe visitantes non atoparon o 0-1 ata o minuto 15, cando Pol Manrubia agarrou a bóla e asistiu a Bruno Di Benedetto para que batira a Baptiste Bonneau, o seu compañeiro na selección francesa.

Pouco menos tardou o 0-2 grazas a Arnau Canal, responsable de que o Liceo puidera afrontar o resto do xogo cunha visión aínda máis estratéxica.

Un rival que non baixou os brazos

A pesar da derrota parcial, os xogadores de Joan Carles Vadillo utilizaron o ánimo constante do seu pavillón para non decaer. Atacou, iso si, con máis ganas que perigo real grazas ó bo rendemento defensivo dos verdibrancos.

A ocasión local máis clara foi un man a man de Serrallonga ante Martí Serra que non rematou en nada, pero esta vez non por mérito do gardarredes. Foi dun César providencial que patinou e se axenciou a bóla antes da definición.

O Deportivo Liceo optou con éxito por durmir o partido nos seus compases finais

Pola súa parte o Deportivo Liceo tampouco acosou a Bonneau, xa que optou por unha xestión de mente máis fría. O meta francés neutralizou outro man a man, esta vez de Pol Manrubia, na máis importante dos coruñeses, pero salvo esa acción viuse a un equipo adicado a matar o partido a base de posesións longas. Logrouno.

Juan Copa e os seus volven xa hacia A Coruña para preparar unha esixente semana con dous grandes partidos: Benfica en Europa (xoves, 21:00h) e Noia en OK Liga (sábado, 18:00h).

FICHA TÉCNICA

PHC SANT CUGAT: Baptiste Bonneau; Joan Farnés, Pol Galbas, Abel Moya, Xavi Serrallonga (quinteto inicial), Tomás Villares, Pau Gilabert, Lucas Vicen, Teo Arqués e Max Rodríguez (meta suplente).

DEPORTIVO LICEO: Martí Serra; Sito Ricart, César Carballeira, Dava Torres, Àlex Rodríguez (quinteto inicial), Bruno Di Benedetto, Pol Manrubia, Fabri Ciocale, Arnau Canal e Mati Bridge (meta suplente).

ÁRBITROS: González González e Pedrola Valls. Sen cartóns.

GOLES: 0-1 (Bruno Di Benedetto, min. 15). 0-2 (Arnau Canal, min. 19).

OK Liga 22/23, Xornada 17. Pavelló de Sant Cugat.

Share on facebook
Share on twitter
Share on linkedin
Share on pinterest

Deixa un comentario