PREVIA OK LIGA (X18) | Recibir ó Igualada para buscar a sexta

PREVIA OK LIGA (X18) | Recibir ó Igualada para buscar a sexta

Imaxe: HOCKEY GLOBAL.

Nova fin de semana e nova proba. O Deportivo Liceo de Juan Copa buscará aumentar o seu excelente estado de forma na visita do Igualada ó Pazo dos Deportes (sábado 12, 20:00h, HOCKEY GLOBAL), escenario que pode significar o sexto triunfo consecutivo do equipo. Sumaríase ós conseguidos fronte a Voltregà, Calafell, Girona, Lleida e Manlleu.

Un rendemento digno de eloxio e premiado pola Real Federación Española de Patinaxe, que nomeou a Copa e a Dava Torres como os mellores do mes de xaneiro nos apartados de adestrador e xogador. Son dous dos máis de dez responsables, contando xogadores e corpo técnico, dun rexistro de 44 puntos sobre 51 posibles; así como dun segundo posto provisional.

Sen César Carballeira

O técnico coruñés non poderá contar ante o Igualada con César Carballeira, que deberá cumprir sanción por acumulación de cartóns azuis. Maxi Oruste, pola súa parte, continuará de baixa debido á súa pubalxia. Entrará na convocatoria o xa habitual Nanu Castro.

César perderase o partido por acumulación de cartóns azuis

O resto da lista estará formada polos mesmos xogadores que triunfaron en Voltregà: Carles Grau, Martín Garaboa, o mencionado Dava, Marc Grau, Àlex Rodríguez, Jordi Burgaya, Roberto Di Benedetto e Jordi Adroher.

Un Igualada cheo de moral

O cadro de Xavi García viaxará a Riazor un partido intersemanal ás costas, pero á vez coa ledicia do triunfo colleitado nel (4-2 ante o Caldes). Útil para ocupar un cómodo noveno posto con 17 puntos froito de cinco vitorias, dous empates e dez derrotas.

Chama a atención, aínda así, o seu número de goles encaixados: 77, o segundo máis alto tralo do colista Alcobendas. No apartado ofensivo destacan, sen dúbida, as 16 dianas de Gerard Riba.

Como ir ó partido?

Para afrontar esta proba, Juan Copa e o plantel necesitarán a maior cantidade de voces posible. Como é habitual, dispóñense as seguintes vías de adquisición de pases (gratuitos ou por 5€).

O primeiro deles está novamente destinado ós abonados beneficiarios do convenio co Real Club Deportivo. Haberá 500 pases dispoñibles sen máis custo que o tempo adicado á xestión, a realizar mediante o seguinte link de Cluber:

Na chegada ós aledaños do Pazo dos Deportes, as persoas que apliquen esta posibilidade terán a obriga de presentar dous documentos: o código QR proporcionado por Cluber e o carnet do Real Club Deportivo. Serán indispensables para poder acceder.

O segundo escenario aplicarase ós socios do Deportivo Liceo, que deberán mostrar o código QR do seu carnet dixital á hora de entrar. Será a medida habitual mentres se xestionen os pases físicos. Polo tanto, neste caso non será necesaria maior xestión.

Para rematar, o público xeral que desexe asistir ó encontro conta con entradas a un prezo de 5€ cada unha. Adquiriranse de xeito online mediante outra ligazón de Cluber:

Normativa sanitaria de acceso

Ademáis de presentar os documentos anteriores, tamén será necesario un paso máis. Trala publicación do DOGA do 17 de decembro esíxese que, nas instalacións deportivas que esperen unha afluencia superior a 200 espectadores, se comprobe antes do acceso que os asistentes maiores de 12 anos estén en posesión dalgún documento que acredite unha destas situacións:

  • Que recibiron a pauta completa dunha vacina contra a COVID-19 para a cal se concedeu unha autorización de comercialización, de conformidade co Reglamento (CE) nº 726/2004.
  • Que dispoñen dunha proba diagnóstica negativa realizada nas últimas 72 horas, no caso das PCR, e 48 horas no caso dos tests de antíxenos. No caso dos tests rápidos de antíxenos, deberán están enumerados na lista común e actualizada de tests rápidos de antíxenos da COVID-19 establecida sobre a base da Recomendación 2021/C 24/01 do Consello de Europa.
  • Que o titular se recuperou dunha infección polo SARS-CoV-2 nos últimos 6 meses. Para iso, a persoa debe ter sido diagnosticada como caso confirmado da COVID-19 fai 11 días ou máis mediante unha proba PCR, non sendo válido outro tipo de test.

Liceístas, agradecemos a vosa responsabilidade e paciencia. En mans de todos está que poidamos seguir disfrutando sen problemas de Riazor. Xa queda menos!

Deixa un comentario