Imaxe: Hockey Global (Mónica Arcay).
A COVID-19 impediu que a OK Liga 20/21 sexa normal, e o Deportivo Liceo alzouse como unha das vítimas indirectas da pandemia. Os casos positivos en varios dos seus rivais provocaron que Juan Copa e os seus chicos só xogaran un partido en apenas un mes (5-0 ante o Vendrell). Pero agora toca volver.
A rareza do recente non-calendario virá acompañada de outra: a semana maratoniana que terán que afrontar, con tres encontros en seis días ante o Vic, o Voltregà e o Lloret. Primeiro tocará recibir ao equipo de Joaquim López no Pazo dos Deportes (domingo 15, 12:00h, HOCKEY GLOBAL) na parada inicial deste atracón de hockey sobre patíns.
A pesar de todo, o míster liceísta asume estas circunstancias especiais: “Hai que ser fortes mentalmente. É certo que xa levamos bastantes paróns, non tivemos moita sorte. Ter tres partidos en seis días non é o ideal en canto a calendario, pero hai cousas contra as que non podes facer nada. Poderemos estar prácticamente ao día en canto a partidos adiados”, declarou a Hockey Global.
A pola sexta consecutiva sen Di Benedetto
O Deportivo Liceo, que conta os seus cinco partidos por vitorias, recibirá ao Vic cunha baixa sensible: a de Roberto Di Benedetto, máximo anotador actual dos verdes con 9 goles. Si estará disponible unha das estrelas da outra faceta do xogo: Carles Grau, o porteiro máis seguro de toda a OK Liga con tan só 4 goles encaixados en 5 encontros. Xogará, ademáis, contra os seus antigos compañeiros: “Para min é especial, o Vic é como a miña segunda casa. Alí vivín anos increíbles”, comentou a Hockey Global.
O meta catalán formará parte dunha convocatoria sen novidades máis aló da inclusión de Pablo Parga, xogador do OK Prata de Stanis García, que completará o listado. Tanto os dous canteiráns como o maior dos Grau uniranse aos clásicos Martín Garaboa, Franco Platero, César Carballeira, Dava Torres, Maxi Oruste, Marc Grau e Jordi Adroher.
Un Vic rodeado de problemas
Visitará o Pazo un Vic accidentado que non empezou a tempada da mellor forma. O equipo dirixido por Joaquim López só logrou sumar un punto nos seis partidos que disputou ata agora e permanece penúltimo, pero Juan Copa nunca é amigo de xogar confiado: “Tiveron un inicio complicado con adiamentos, casos de COVID e lesións. Levan, como quen di, dúas ou tres semanas competindo de verdade. Aínda así xa sabemos do que son capaces, incluso en Riazor”, comentou o míster galego. Non ten mala memoria, xa que en 2019 lograron asaltar o Pazo por 1-2.
Agora intentarán repetilo con homes como o meta Ernest Burgaya, Arnau Font, Nil Genero, Tirso Gómez, Antoine Le Berre, Albert Masoliver, Jaume Molas, David Montero, Jassel Oller, Oriol Ramírez ou Carles Sánchez (máximo goleador do equipo con 4 tantos).
Tivemos que esperar, pero o Deportivo Liceo volverá á acción o domingo 15 ás 12:00h. O seu regreso será retransmitido por HOCKEY GLOBAL.