PREVIA OK LIGA 20/21 (X23) | Concentrados

PREVIA OK LIGA 20/21 (X23) | Concentrados

Imaxe: HOCKEY GLOBAL (Mónica Arcay).

Ningún deporte regala vitorias antes de baixar do bus. A visita do Deportivo Liceo ó Club Patí Vic (domingo 14, 20:00h, OKLIGA.TV), penúltimo clasificado, estará exenta de errores así aconteza o que aconteza. Sobre todo cando continúa en xogo o título da OK Liga. A falta de nove xornadas para o seu final, e a pesar da dificultade que supón perseguir a un equipo como o Barcelona, o innegociable é non baixar os brazos. Máis se cabe á hora de enfrontarse a un histórico da OK Liga e do hockey nacional, por moito que esté en horas baixas.

Juan Copa e os seus xogadores visitarán o Pavelló Olímpic a unha distancia de nove puntos con respecto ó líder, pero con dous partidos menos: o do propio Vic e o adiado ante o Palafrugell (xornada 21) por motivos sanitarios. O Liceo suma 55 puntos e tres vitorias consecutivas que o manteñen na segunda posición. A última delas, de 9-1 fronte ó Lloret, amosa que continúa no taboeiro da loita polo título coa mesma ou máis motivación.

“Creo que estamos subindo de nivel. Imos intentar que sexa o mesmo partido que os últimos, cunha boa defensa e unha boa presión. A partir de aí, continuidade no xogo”, declarou Copa. Tanto a el como ao resto da expedición agárdanlles dous encontros seguidos como visitantes ante o Vic e o Vendrell. Será antes do parón de Semana Santa, ó que lle seguirá a disputa da fase de grupos da Liga Europea.

Con todos dispoñibles e sen positivos

O Deportivo Liceo viaxará a Cataluña sen casos positivos de COVID-19, unha vez realizadas as probas de vigor previas a cada partido fóra de Galicia. Non só iso, senón que todo o plantel estará dispoñible para a cita: Carles Grau, Martín Garaboa, César Carballeira, Franco Platero, Roberto Di Benedetto, Jordi Adroher, Fabri Ciocale, Marc Grau, Maxi Oruste e o capitán Dava Torres (ex do Vic).

Un histórico en problemas

O Club Patí Vic, un clásico absoluto do hockey sobre patíns nacional, recibirá ó Deportivo Liceo nunha situación realmente complicada. Quim López e os seus saltarán á pista como penúltimos clasificados con só 10 puntos colleitados de 63 posibles, un rexistro que só supera ó do Mataró. Esta foi precisamente a vítima da máis recente das súas únicas tres vitorias, datada do 19 de xaneiro. As outras foron o 12 do mesmo mes, ante o Vendrell, e en novembro ante o Igualada.

A pesar de todo, Roberto Di Benedetto non quere mostrar excesiva confianza derivada da dramática situación do Vic. Deles agarda un reto complicado: “Achegámonos ó final da tempada e é un equipo que xoga para salvarse. Cada partido é unha final. Teñen que sacar puntos e agardarán para gañar ou sacar o empate”, declarou a HOCKEY GLOBAL. O precedente da primeira volta xoga moi a favor do Liceo, que gañou por un contundente 10-3 en Riazor, pero o resultado do choque da segunda todavía está por escribir.

Deixa un comentario