PREVIA OK LIGA (X17) | Coa vista no presente

PREVIA OK LIGA (X17) | Coa vista no presente

Imaxe: HOCKEY GLOBAL (Mónica Arcay).

Sería un erro planear demasiado o segundo paso antes de dar o primeiro. A proximidade do enfrontamento ante o Barcelona non é unha distracción para o Deportivo Liceo, que ten postos os cinco sentidos no partido que disputará o sábado 30 (18:00h, OKLIGA.TV) contra o Club Patí Taradell. En xogo está darlle máis vida o liderado da competición nacional, que mantén cos seus 46 puntos de 48 posibles tras 16 xornadas. O precedente da primeira volta axuda (15-1 a favor do Liceo), pero non é un factor que desvíe a atención de Juan Copa e os seus xogadores.

De feito, o técnico cre que para vencer fará falla o mesmo plan que trouxo o pasado triunfo ante o Igualada (5-1): “Vai ser un partido moi parecido. Haberá que controlar as contras que poidan ter e facer un partido serio para sumar tres puntos máis. Estamos nun punto da liga no que é o que hai que valorar, pero vexo ó equipo moi ben, con confianza e subindo cada semana”, declarou a HOCKEY GLOBAL.

César Carballeira, un dos responsables dos excelentes números defensivos do Liceo (19 goles encaixados en 16 partidos) xunto a homes como Franco Platero ou Carles Grau, tamén falou en HOCKEY GLOBAL sobre o potencial do Taradell para facerlle dano ó actual líder: “É unha pista moi difícil. Solucionamos ben o partido na primeira volta, pero agora temos que ir alí a facer o que levamos facendo toda a tempada. Sabemos que vai costar, son un equipo moi completo que nos complicará moito as cousas”. César formará parte dunha convocatoria sen baixas e, unha semana máis, con pleno de negativos en COVID-19.

Ante unha pista complicada

O Club Patí Taradell sabe perfectamente como amargarlle a vida ó Liceo. Logrouno durante a tempada 19/20, cando cortou unha racha destacada de vitorias dos verdes, e conta co potencial para repetilo a pesar da súa posición clasificatoria. O conxunto dirixido por Ferran Moreno é o actual 11º da OK Liga, pero ten nas súas filas a un dos goleadores máis destacados da competición: Dani Rodríguez (14 tantos).

Sen embargo, o dato contrario é precisamente un dos seus debes da presente campaña. A pesar de contar cun bo porteiro como Albert Dalmau, veterán, o Taradell é o segundo peor equipo no rexistro de goles encaixados (73) só por diante do colista Mataró (76). Recibirá ó Liceo, ademáis, despois de tres derrotas consecutivas ante Lloret, Palafrugell e Voltregà; pero El Pujoló xa viu tropezar a unha potencia como o Lleida.

Deixa un comentario