CRÓNICA | Polo bo camiño (5-1)

CRÓNICA | Polo bo camiño (5-1)

Imaxe: HOCKEY GLOBAL (Mónica Arcay).

Volta nova, mesma vida. O Igualada non foi quen de deter a dinámica positiva do Deportivo Liceo, que venceu por 5-1 tras un bo partido de hockey. O equipo de Juan Copa suma xa 46 puntos de 48 posibles e mantense firme na primeira posición da OK Liga.

Segundos tardou Elagi Deitg en traballar duro unha vez comezou a acción. O meta visitante viviu en máxima concentración ante os continuos ataques do Liceo, pero os seus compañeiros utilizaron unha das súas mellores armas: o contraataque. Obrigou a estar atento a Carles Grau, pero a lóxica do visto só podía favorecer a un equipo. Ós sete minutos, Maxi Oruste replicou o papel que protagonizou ante o Lleida. Abriu o partido co 1-0.

O 2-0 foi outra obra digna de museo de Jordi Adroher. En xogada individual, o catalán superou a toda a defensa do Igualada e a Deitg. O partido xa era de cor verde.

O equipo de Juan Copa baixou lixeiramente a marcha co resultado positivo, pero a intención ofensiva non parou de ser evidente. Grau tamén tivo ocasión de lucirse na portería tras o remate máis claro do Igualada en toda a primeira metade.

Sen descanso

O Igualada de Cesc Linares regresou á pista moi vivo e coa intención de dar guerra. Roger Bars enviou unha bóla ó ferro, pero o equipo catalán atopou pouco despois o 3-0 de Roberto Di Benedetto.

A 12 minutos para o final, o Pazo viu un tanto para cada equipo. Os seus autores foron Dava Torres, capitán do Liceo, e Roger Bars (penalti). O mesmo Bars tivo nas súas mans o 4-2, pero a súa falta directa foi detida por Carles Grau. O tamén nomeado Torres si foi quen de establecer o 5-1 definitivo.

Ó Liceo réstanlle 14 paradas antes da conclusión da OK Liga e continúa con paso firme hacia o éxito. A proba nº 17 será na pista do Taradell.

FICHA TÉCNICA

DEPORTIVO LICEO: Carles Grau, Franco Platero, Dava Torres, Maxi Oruste, Roberto Di Benedetto (quinteto inicial), César Carballeira, Jordi Adroher, Marc Grau e Fabri Ciocale.

IGUALADA RHC: Elagi Deitg, Sergi Plá, Vives, Roger Bars, Bernat Yeste (quinteto inicial), Marc Palau, Aleix Marimon e Gerard Riba.

GOLES: 1-0 (Maxi Oruste, min. 7). 2-0 (Jordi Adroher, min. 13). 3-0 (Roberto Di Benedetto, min. 27). 4-0 (Dava Torres, min. 38). 4-1 (Roger Bars, min. 38). 5-1 (Dava Torres, min. 41).

ÁRBITROS: Fernández García e Díaz Sánchez. Amonestaron con cartón azul ó visitante Sergi Plá.

INCIDENCIAS: Partido correspondente á xornada 16 da OK Liga 20/21. Pazo dos Deportes de Riazor, 250 espectadores.

Deixa un comentario