CRÓNICA | Excelente vitoria e mellores sensacións (15-1)

CRÓNICA | Excelente vitoria e mellores sensacións (15-1)

Imaxe: Mónica Arcay (Hockey Global).

O rendemento do Deportivo Liceo no seu rencontro coa afición de Riazor non puido ser mellor. Os de Juan Copa venceron ao CP Taradell por 15-1, grazas a unha excelente actuación de todos e cada un dos membros da expedición coruñesa.

Saíu dominador o Liceo, cun Adroher enchufado e con ganas de mostrar o seu talento aos 300 do Pazo. Aínda así, a primeira ocasión importante foi para o Taradell, nun pequeno despiste defensivo da zaga local. Aí estivo Carles Grau para deter as súas intencións, pouco antes de que César Carballeira (redebutante no Pazo) replicara a ofensiva. Tamén a tivo Dava Torres, que non acertou na definición dunha excelente xogada colectiva.

Non era unha cita calquera, e a motivación froito dela ofreceu a un Liceo netamente superior. O Taradell, que vencera ao Lloret na primeira xornada da competición, só podía intentar facer dano a base de contras.

As nubes prometían convertirse en lóstregos en calquera momento, e así foi. En dous minutos máxicos, o Deportivo Liceo anotou tres goles de forma consecutiva para facer xustiza ao que se estaba a ver na pista. Foi César Carballeira primeiro, tras unha gran xogada, seguido de sendos tantos de Marc Grau e Roby Di Benedetto. Non parou o vendaval, que o mencionado Di Benedetto ampliou a 4-0 pouco antes de que Jordi Adroher se estreara no Pazo. Un 5-0 que demostraba a amplia superioridade dos de Juan Copa.

Trocou nun 7-0, tras outro minuto máxico que trouxo dianas de Maxi Oruste e Marc Grau. Todo saía a pedir de boca para os verdes, que lle ofreceron un excelente agasallo aos poucos que puideron entrar no recinto coruñés. Copa deu minutos a Dani López, dorsal número 4 e futuro protagonista do choque, cando Di Benedetto colocou o 8-0. Hat trick particular para redondear unha gran actuación. Pouco antes do descanso, Marc Soler anotou o 8-1 para o Taradell.

Unha constante de dominio e goles

Todavía con fame, os seis primeiros minutos do Liceo na segunda metade sumaron dous tantos máis ao marcador. Di Benedetto elevou a súa conta particular a catro, mentres que Franco Platero estreouse no partido para colocar o 10-1 parcial. Dous minutos máis tarde, unha falta do Taradell (con cartón azul para Jacint Molera) foi aproveitada polo talentoso Adroher para establecer o 11-1.

Xa con cinco na pista, os de Ferran Moreno tiraron de honra para intentar maquillar o marcador, pero os claros acercamentos a Carles Grau acabaron sen froitos. En cambio, o capitán liceísta Dava Torres puxo o seu nome no rexistro ao marcar o 12-1. O decimoterceiro e o decimocuarto foron novamente de Di Benedetto. Outra das boas novas foi para Dani López ‘Danilo’, que marcou o gol número 15 que pecharía o choque.

Esta excelente vitoria do Deportivo Liceo de Juan Copa precede á que será unha das grandes probas da tempada: a visita ao Palau de Barcelona (luns 12 de outubro, 19:00h).

FICHA TÉCNICA

DEPORTIVO LICEO: Carles Grau, César Carballeira, Dava Torres, Franco Platero, Jordi Adroher (cinco inicial). Tamén xogaron Marc Grau, Roby Di Benedetto, Maxi Oruste e Dani López.

CP TARADELL: Albert Dalmau, Albert Benito, Marçal Casadevilla, Marc Soler, Jacint Solera (cinco inicial). Tamén xogaron Miquel Gorchs (p), Dani Rodríguez, Víctor Crespo, Eduard Genis e Xavier Soler.

GOLES: 1-0 (César Carballeira, min. 8). 2-0 (Marc Grau, min. 9). 3-0 (Roby Di Benedetto, min. 9). 4-0 (Roby Di Benedetto, min. 14). 5-0 (Adroher, min. 15). 6-0 (Maxi Oruste, min. 18). 7-0 (Marc Grau, min. 18). 8-0 (Roby Di Benedetto, min. 20). 8-1 (Marc Soler, min. 23). 9-1 (Roby Di Benedetto, min. 26). 10-1 (Franco Platero, min. 31). 11-1 (Adroher, min. 34). 12-1 (Dava Torres, min. 39). 13-1 (Roby Di Benedetto, min. 41). 14-1 (Roby Di Benedetto, min. 45). 15-1 (Dani López, min. 48).

ÁRBITROS: Rubén Fernández, Iñigo López e Nicolás Morandeira. Mostraron cartón azul a Jacint Molera, do Taradell.

INCIDENCIAS: Partido correspondente á xornada 2 da OK Liga 20/21. Pazo dos Deportes de Riazor, 300 espectadores.

Deixa un comentario