PREVIA OK LIGA (X11) | Coa décima a tiro

PREVIA OK LIGA (X11) | Coa décima a tiro

Imaxe: Hockey Global (Mónica Arcay).

Poucas cifras mellores que o 10 para definir ó Deportivo Liceo. Así é o seu rendemento, así é o seu compromiso e aí pode chegar a traxectoria de vitorias consecutivas do equipo dirixido por Juan Copa, que volverá ó Pazo dos Deportes para recibir ó Garatge Plana Girona CH. O partido, correspondente á xornada 11 da OK Liga, celebrarase o venres 4 de decembro ás 20:45h e será retransmitido por HOCKEY GLOBAL.

Tal e como ocorreu no encontro ante o Noia, ó Liceo tocaralle defender e afianzar o seu primeiro posto na máxima competición nacional de hockey sobre patíns. Aquel triunfo en Torrelavit, o noveno en nove partidos, deixou ó conxunto coruñés con 27 puntos de 27 posibles e unha distancia de dúas e catro unidades con respecto a Barcelona e Reus. Ademáis, ambos rivais continúan cun partido disputado máis. A parte noble da OK Liga desvirtualizarase o luns co encontro do Liceo ante o Palafrugell, adiado no seu día por cuestións sanitarias.

Estado de graza para Dava Torres

O Deportivo Liceo regresará ó Pazo cun Dava Torres en forma, como o resto do plantel liceísta, pero o capitán ten na súa man ver porta por nada menos que quinta xornada consecutiva. Xa anotou nas vitorias fronte ó Noia, o Lloret, o Voltregà e o Vic.

As novidades da convocatoria de Juan Copa serán Pablo Parga, xogador do OK Prata que xa logrou marcar no duelo do primeiro equipo ante o Vic, e o habitual Nahuel ‘Nanu’ Castro.

Un Girona perigoso

Para sumar a vitoria número 10 haberá que vencer ó Girona de Juan Ramón Benito, un conxunto con armas suficientes como para poñer en apuros ó Liceo. Os verdes si terán a favor o factor descanso, posto que o seu rival xogou o martes 1 de decembro ante o Igualada (3-3). A pesar diso, Copa opta por non confiarse: “É un equipo que fai as cousas ben, cun plantel amplo. Imos ter que traballar moito para lograr os tres puntos”.

O Girona é o sétimo na clasificación con 12 puntos e tódolos partidos xogados (factor a ter en conta dentro da actual situación). Conta con dous grandes anotadores como son Gerard Pujol e David Gelmà, ambos cun rexistro de 10 dianas ata o momento. Son dos xogadores máis destacados de toda a OK Liga neste aspecto. Tamén forman parte do plantel Alex Grau, irmán dos liceístas Carles e Marc, e o máis que veterán exliceísta Jaume Llaverola.

A convocatoria do conxunto de Juan Ramón Benito, incluíndo ós mencionados Pujol, Gelmà, Llaverola e Grau, está completada por Marçal Coll, Xavier Gurri, Humberto Da Silva, Pau Palacín e David Carles.

Deixa un comentario