PREVIA | Luso acolle unha Euroliga atípica

PREVIA | Luso acolle unha Euroliga atípica

Imaxe: HOCKEY GLOBAL (Mónica Arcay).

A aparición do coronavirus nas vidas de todos non deixou excepción no mundo do hockey sobre patíns. Agora, tras unha reestruturación de última hora provocada polos nefastos meses finais de 2020, a Euroliga da presente tempada volve ás axendas dos nove equipos que aceptaron quedar nela.

A localidade portuguesa de Luso (Mealhada) acollerá a primeira fase deste novo formato, que terá lugar os días 9, 10 e 11 de abril antes de deixar paso á definitiva Final Four do 15 e o 16 de maio.

O Deportivo Liceo, preparado ante outro reto de altura, viaxará ó país veciño para enfrontarse a dous rivais de entidade: o FC Barcelona (venres 9, 21:00h, hora española) e o Benfica (sábado 10, 19:00h, hora española). Será con menos dun día de diferenza entre ambos e baixo a cobertura especial da plataforma HOCKEY GLOBAL, que retransmitirá tódolos partidos da fase inicial.

Un formato de circunstancias

O actual non é o formato orixinal da Euroliga 20/21, que finalmente só terá lugar durante este último ano. En setembro de 2020 sorteouse o inicial, formado por 16 equipos e cun camiño clásico de catro grupos con catro en cada un deles. O empeoramento da situación sanitaria obrigou á súa suspensión.

O actual, ideado por WSEurope, conta con nove conxuntos (sete menos) e constará de tres grupos de tres nos que cada campión pasará á Final Four. O cuarto restante virá do mellor segundo, sen a disputa dunha segunda fase entre todos eles.

Esta é a composición:

  • GRUPO A: FC Porto, CE Noia Freixenet e OC Barcelos.
  • GRUPO B: Sporting Clube de Portugal, Reus Deportiu e UD Oliveirense.
  • GRUPO C: FC Barcelona, Deportivo Liceo e SL Benfica.

Ademáis, este será o calendario completo (horas españolas) dos tres días totais de competición. Todos eles serán retransmitidos por HOCKEY GLOBAL:

VENRES 9 DE ABRIL

  • 14:00h: FC Porto – CE Noia Freixenet (GRUPO A).
  • 18:00h: Sporting CP – Reus Deportiu (GRUPO B).
  • 21:00h: FC Barcelona – Deportivo Liceo (GRUPO C).

SÁBADO 10 DE ABRIL

  • 13:00h: CE Noia Freixenet – OC Barcelos (GRUPO A).
  • 16:00h: Reus Deportiu – UD Oliveirense (GRUPO B).
  • 19:00h: Deportivo Liceo – SL Benfica (GRUPO C).

DOMINGO 11 DE ABRIL

  • 15:00h: OC Barcelos – FC Porto (GRUPO A).
  • 18:00h: UD Oliveirense – Sporting CP (GRUPO B).
  • 21:00h: SL Benfica – FC Barcelona (GRUPO C).

Preparados para todo

Explicado o camiño, sobra falar da motivación do Deportivo Liceo á hora de percorrelo. Chegará a el nun gran estado de forma plasmado en cinco vitorias consecutivas dentro da OK Liga. A última, con tintes épicos. Ese gol gañador de Jordi Adroher ante o Noia, a falta dunha décima de segundo, ofreceu aínda máis moral a un equipo xa motivado.

Juan Copa, técnico do primeiro equipo, é conscente da dificultade do desafío pero tamén do potencial dos seus xogadores: “Tocáronnos dous rivais que son dous grandes equipos. Dous clubes de fútbol que teñen de todo. Pero seguro que eles tampouco estarán contentos”, declarou a La Opinión.

Tamén lle deu valor ás dúas semanas de descanso posteriores ó compromiso máis recente de OK Liga: “Viron fenomenal para traballar ben. Pasamos un momento malo, pero traballamos duro e sacamos cinco vitorias consecutivas desde a última derrota. Algún igual pensaba que xa deixaramos de loitar pola liga, pero seguimos moi vivos. Agora estamos preparados para o reto que vén”.

Ante dous xigantes do hockey europeo

Luso será o escenario de dous partidos realmente esixentes contra, como ben dicía Juan Copa, grandes equipos. Barcelona e Benfica serán os obstáculos do Deportivo Liceo na súa loita por un posto na Final Four.

De sobra coñecido é o equipo catalán, trasatlántico da competición doméstica e actual líder. De todas maneiras, se algo amosou o equipo verdibranco durante a tempada é que non son invulnerables. O Liceo xa logrou conquistar o Palau Blaugrana na primeira volta da OK Liga, a pesar da derrota no Pazo durante a segunda. Chega agora unha nova oportunidade de triunfar contra o conxunto de Edu Castro e os Pau Bargalló, Matías Pascual, Pablito Álvarez ou Hélder Nunes. Este primeiro partido terá lugar o venres 9 ás 21:00h (hora española).

Pola súa parte, o Benfica é unha das potencias do hockey portugués. O conxunto dirixido por Alejandro Domínguez é intenso, perigoso e con individualidades de primeiro nivel grazas a xente como o exliceísta Edu Lamas. O encontro celebrarase o sábado 10 ás 19:00h (hora española).

Deixa un comentario